Ana Pontón pide @s deputad@s electos por Galiza que liguen o apoio á investidura de Sánchez a unha solución para ALCOA

A Coruña
A Coruña

Jorquera advirte que A Coruña “non pode converterse nun deserto industrial”

A 48 horas de finalice o ultimato de  ALCOA, a portavoz nacional, Ana Pontón, demandou aos deputados e deputadas electas por Galiza que condicionen o seu apoio á investidura de Pedro Sánchez a unha solución de futuro para a factoría da Coruña, tendo en conta que é o Goberno central quen debe dar unha solución para ter un prezo estable  e competitivo da electricidade.

Así o propuxo na reunión que mantivo en María Pita co portavoz municipal, Francisco Jorquera, e co responsable da CIG no comité de empresa, Julio Moskovich, dentro da ronda de contactos que a dirixente do Bloque está mantendo nas grandes cidades tras o 26M.

“Levamos un mes falando da sesión de investidura pero durante este tempo nin un só dos e das deputadas electas por Galiza puxeron sobre a mesa condicionar a investidura de Sánchez a que haxa unha solución para ALCOA, a que haxa unha solución para ter un marco enerxético”, argumentou.

Pontón recalca que é unha cuestión de país e, por tanto, “deberían poñer por diante os intereses de Galiza aos dos seus partidos se queren exercer como representantes do país, e por iso facemos un chamamento os deputados e deputadas galegas a que condicionen a investidura de Sánchez a que haxa un estatuto para as industrias electrointensivas, porque poucos temas máis importantes neste momento que darlle futuro a centos de traballos no sector industrial”.

Non se pode permitir que a multinacional estea chantaxeando os e as traballadoras, botando sobre as súas costas a responsabilidade dunha operación empresarial que non coñecen ao detalle nin poden confirmar, debe recaer sobre ALCOA e sobre o goberno central e sobre a Xunta, “que teñen a responsabilidade de garantir o futuro industrial deste país poñendo solucións viables sobre a mesa”.

Calquera opción de venda debe pasar, indicou, por garantir o emprego e a produción de aluminio, “Xunta e Estado deben poñerse as pilas porque até agora non estiveron á altura deste grave problema”.

Neste sentido, criticou a posición de Feixóo “poñéndose de perfil e limitándose a facer oposición ao Goberno central, unha posición inútil para defender os intereses de Galiza cando debería buscar unha fronte común implicándose na busca de compradores e ofrecendo un marco de apoio aos investimentos que precisa a factoría para a súa modernización”. Ao goberno do Estado, Pontón reprochou que manteña un marco enerxético que destrúe emprego.

“O que temos é centos de empregos en xogo polos custes da luz pese a ser produtores netos de electricidade”, salientou, circunstancia da que responsabilizou ao PP, como autor do nefasto actual marco enerxético, e ao PSOE “que fixo moitas promesas que non cumpriu como o de ter aprobado un estatuto para as industrias electrointensivas”.

Pola súa parte, Jorquera criticou a falta de información sobre o proceso de venda e que, a día de hoxe, o Estado teña “os deberes sen facer en canto a dar un prezo estable e competitivo da electricidade para estas empresas”. “A Coruña non se pode permitir converterse nun deserto industrial”, advertiu, “hai que apostar polo emprego industrial e por iso no acordo municipal asinado polo BNG co equipo de goberno figura que desde o propio concello se impulse un plan de desenvolvemento industrial”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG