Ana Pontón pide revalidar o proxecto do BNG en Ribadeo da man de Fernando Suárez

Presentación Ribadeo
Presentación Ribadeo

Destaca a “frutífera” relación do BNG con este concello convertido en referente de modernidade no país, e expresou o seu “orgullo” a todas as persoas que o fixeron posible dese os gobernos municipais nacionalistas

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación da candidatura ás eleccións municipais do 26M en Ribadeo que encabeza o actual rexedor Fernando Suárez, acto no que destacou o papel do BNG na transformación e modernización deste concello, referente no país polo seu dinamismo comercial, calidade de vida e orgullo da súa identidade local, grazas o labor dos sucesivos gobernos liderados por Suárez.

“É unha alegría estar aquí nun concello no que a relación de Ribadeo co BNG é especialmente frutífera, e por iso no BNG presumimos moito de Ribadeo e o poñemos como referente pois podemos dicir con xustiza que todas as transformacións importantes que melloraron esta vila chegaron da man do BNG no goberno municipal”, salientou Pontón.

“Sóbrannos motivos para estar orgullosas de todas as persoas que o fixeron posible, moi orgullosas do traballo de Fernando Suárez e de todas as persoas que o acompañaron”, recalcou, “e por iso estou segura que a veciñanza de Ribadeo vai revalidar a súa confianza no goberno municipal do BNG”, salientou Pontón. Confianza que non impide que, “desde a humildade volvamos facer un esforzo para mobilizar a todas a xente que coma nós quere un Ribadeo que siga avanzando da man de Fernando e do Bloque”

Candidatura do BNG RibadeoA Galiza prospera tamén se constrúe desde os concello, salientou Pontón, “con  políticas transformadoras e alternativas”, como demostra o BNG alí onde goberna cun modelo que mellora a vida das persoas, das vilas e cidades.

“Ribadeo, Carballo, Allariz, Pontevedra, Tomiño… son os exemplos máis claros da nosa política municipal. Nos concellos liderados polo BNG a veciñanza sinte orgullo, gústalle vivir no seu concello e séntese parte da súa transformación porque están pensados como lugares para traballar e vivir en condicións que nos permitan ser máis felices”, alegou a portavoz nacionalista.

Pontón concluíu a súa intervención salientando a cita electoral do 28A “unha oportunidade para que Galiza recupere voz propia no Congreso e poña fin á  discriminación das forzas estatais desde o Goberno central. Moita xente botou de menos ao BNG en Madrid nesta decepcionante lexislatura e vai ser moita a que aposte polo proxecto sólido, coherente e unido do BNG, que ten as portas abertas e a man tendida a todas as persoas que queiran que Galiza exista en Madrid e para sumar fronte á involución democrática do españolismo máis radical”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG