Ana Pontón pide reforzar o liderado de Leticia Santos para garantir que Moaña sigue avanzando

Presentación Moaña
Presentación Moaña

A candidata puxo en valor o traballo feito polo equipo de goberno: “Estamos [email protected] para afrontar os retos que precisa este concello cheo de virtudes e talento”

Ana Pontón pide reforzar o liderado de Leticia Santos para garantir que Moaña sigue avanzando

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación da candidatura municipal de Moaña para pedir “un apoio masivo” ao proxecto do BNG “para reforzar o liderado de Leticia Santos e garantir que Moaña vai seguir avanzando da man dun proxecto de transformación en positivo e a favor da veciñanza como o desenvolvido pola actual alcaldesa estes catro anos.

“Leticia e o equipo de homes e mulleres que a acompañan demostraron capacidade, diálogo como forma de goberno e brillantez na xestión”, subliñou Pontón, quen destacou que a Santos “exerceu un liderado claro apostando pola transparencia e a participación da veciñanza, a eficacia na utilización dos recursos públicos, a defensa das políticas sociais e de benestar e todo iso desde unha perspectiva feminista e igualitaria”.

Para seguir nesa senda dun concello a favor da maioría social, Pontón pediu o apoio dos veciños e das veciñas nas eleccións do 26M, “porque o avance de Moaña non se pode deter, non pode dar nin un paso atrás, senón que ten ganar forza e estou segura que Leticia e as persoas que integran a candidatura van recibir un apoio contundente nas urnas”.

Como sinais de identidade do Goberno local do BNG: a defensa dos servizos públicos, -sanidade e educación prioritarios-, saneamento das contas cunha drástica redución da débeda, que fixo posible destinar máis recursos a investimentos e a financiar programas de atención social.  Igualmente, tamén foron apostas claras de goberno lograr un concello cada vez máis sustentable e a dinamización económica, turística e do comercio local, así como o labor de promoción da lingua e da cultura.

Presentación MoañaDe cara ao próximo mandato, segundo explicou a propia candidata, “a proposta do BNG pasa por promover políticas de inclusión social e igualdade, ampliación do programa de avellentamento activo, a integración da diversidade, as cláusulas sociais nas ordenanzas municipais e nos concursos públicos, os campamentos inclusivos, a escola de familias”.

Impulsar un  cambio de modelo que contribúa á preservación do medio natural, continuar eliminando verteduras á ría e tratar os bioresiduos coa compostaxe, á par que se promoverá a mobilidade urbana sustentable e segura.

Do mesmo xeito, a candidata do BNG  ten claro que o concello debe xogar un papel “dinamizador” da intensa actividade social, deportiva, turística e cultural de Moaña, “e promocionar os nosos sinais de identidade”. “Melloraremos os centros socioculturais e o alto da praza, ademais de procurar noutras administracións o cofinanciamento do auditorio”, destacou Santos.

Un concello referente

A candidata e actual alcaldesa puxo en valor os logros do seu goberno e comprometeuse a seguir traballando para conseguir novos retos a favor da veciñanza, como a construción do novo centro de saúde poñendo os terreos a disposición da Xunta, da que espera deixe atrás o actual boicot a este e outros proxectos municipais.

“O labor feito estes catro anos no que demostramos capacidade de traballo e xestión, de atención á veciñanza e de proximidade, converteu Moaña nun referente, mais somos conscientes de que restan retos por cumprir e moitas metas que alcanzar. Coa experiencia e o aval destes catro anos e un equipo de persoas capaces e competentes queremos continuar a dar valor a un pobo cheo de virtudes e de talentos, apoiando a cada persoa, cada colectivo, cada asociación, cada club e xa demostramos que  somos quen de facelo”, concluíu. .