PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA NA CORUÑA

Ana Pontón pide “rebeldía e confianza” da man do BNG para acabar coa discriminación de Galiza o 28A

Presentación A Coruña
Presentación A Coruña

Propón recuperar voz propia no Congreso e deixar atrás o maltrato das forzas estatais, con exemplos como o Porto, ALCOA ou a estafa da AP-9

O cabeza de cadidatura, Nestor Rego, reivindica o traballo de Joquera en contraste con “vello e novo” sucursalismo. María Xosé Bravo, número 2 dunha lista que pecha o escritor Suso de Toro

Ana Pontón pide “rebeldía e confianza” da man do BNG para acabar coa discriminación de Galiza o 28A

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o acto de presentación da candidatura do BNG pola Coruña ás eleccións xerais para convidar os coruñeses e ás coruñesas a que o 28A pechen a porta ás forzas políticas que discriminan a cidade e ao conxunto da provincia, e opten pola “rebeldía e pola confianza” a favor da Coruña da man do Bloque para poñer fin a esa discriminación.

Un agravio no que se alternan os partidos centralistas que, no caso da Coruña, acumula exemplos sobrados.

“O PP de Raxoi subiu as peaxes e negou a transferencia da AP9, o PSOE de Sánchez fixo exactamente o mesmo; co PP tiñamos un problema en ALCOA, co PSOE foi a peor e non haberá solución mentres non se abarate o prezo da enerxía; o PP quería vender os terreos do porto da Coruña para financiar o porto exterior; o PSOE quere facer o mesmo é, ademais, propuxo condonar a débeda do porto de Valencia sen dar nada ao peirao coruñés”, relatou Pontón.

A Coruña, conclúe a líder nacionalista, “é exemplo de maltrato e de discriminación por parte do  PP e PSOE”. Por iso, “fronte aos que só nos falan de Madrid temos que poñer sobre a mesa o futuro de Galiza, porque o que nos xogamos é darlle continuidade a discriminación desas forzas estatais ou darlle voz a Galiza para mudar as cousas a mellor”, recalcou.

“Nun escenario sen maiores absolutas tres [email protected] do BNG son máis valiosos que 23 que cando teñen o voto actúan como sucursais das forzas estatais que demostran que Galiza lles importa un bledo”, argumentou a dirixente do Bloque.

Pontón puxo en valor unha candidatura liderada por Nestor Rego, -un dos “19 de Meirás”-, que ten a María Xosé Bravo como número dous e que pecha o escritor Suso de Toro. “Unha candidatura que loita polos dereitos e liberdades, integrada por mulleres feministas, que aposta pola defensa dos servizos públicos e  con xente moza que quere ter un futuro neste país”. “É o momento de Galiza, o momento de votar sen medo senón coa convicción de que podemos facer as cousas  ¡mellor en beneficio da Coruña e do conxunto do país”, concluíu a portavoz nacionalista.

Nestor Rego proclamou que hai que volver darlle voz a Galiza e a súa aspiración de recoller a testemuña de Francisco Jorquera, hoxe candidato á alcaldía da Coruña, que demostrou desde a Cámara baixa a importancia de ter representantes en Madrid que trasladen os problemas e os intereses deste país.

Por iso, instou a superar o “vello” sucursalismo das forzas estatais que traizoan os intereses dos galegos e das galegas “unha e mil veces”, pero tamén o “novo” sucursalismo, de quen prometeu “mudalo todo” e terminou votando a favor dos peores orzamentos para Galiza en 17 anos, en relación a En Marea-Podemos.

“Hai que mudar o modelo, temos que tomar o control dos nosos asuntos e decidir en función do que precisan os e as galegas”, recalcou Rego, “mudar un sistema cada vez máis corrupto, centralista e autoritario, e Galiza como nación ten que estar presente para construír un futuro de liberdade e benestar para o noso pobo, farto de submisión e de discriminación. Sabemos que moitos coruñeses e coruñesas queren mudar a situación e camiñar nesa dirección e con esa convicción concorremos a cita electoral do 28 de abril”, concluíu.