A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pide a Feixóo “prudencia e sensatez” para que as eleccións se celebren con “todas as garantías para a saúde de todos os galegos e galegas”. A nacionalista lembra que o presidente da Xunta afirmou, hai dous meses, que non convocaría eleccións en período de estado de alarma e agora cambia de opción “a rebufo da decisión do lendakari Urkullo” para que se celebren no mes de xullo, a pesar da crise do coronavirus. Para a nacionalista, neste novo escenario electoral, Feijóo demostra cal é o valor da súa palabra cando o “sensato” é agardar a que pase a emerxencia sanitaria para poder votar con “todas as garantías sanitarias e democráticas” e reprocha ao Presidente da Xunta que non valore esta opción.
Feixóo nega en Galiza o diálogo que reclama ao goberno central
A líder do BNG afea que o presidente da Xunta, por cuarta vez, desconvoque a reunión coas forzas políticas en pleno proceso de desescalada. Para Pontón, está é unha nova constatación de como entende Feixóo a cooperación e o diálogo que tanto pía en Madrid e asegura que a desconvocatoria obedece á falta de interese de Feixóo por escoitar as propostas do BNG que deixarían en evidencia que o goberno galego “non está facendo os deberes” nunha crise tan grave e dramática.
O BNG pide reforzar a Atención Primaria e axudas á persoas autónomas
A nacionalista reitera que a situación provocada pola COVID-19 require medidas urxentes polo que volve a reclamar o investimento de 200 M€ en Atención primaria para contratar máis persoal nun servizo fundamental para a asistencia sanitaria e axudas directas para as persoas autónomas como fan os gobernos de Euskadi, Catalunya ou Valencia. A Xunta, recalca Pontón, non pode “abandonar a este colectivo”, un dos máis afectados pola crise económica.