parlamento galego

Ana Pontón pide a PP e PSOE que non repitan “os erros do pasado” para que a Valeduría do Pobo se elixa por amplo consenso

Ana Pontón
Ana Pontón
Responsabiliza a Feixóo do descrédito ao que someteu á institución mantendo no posto a unha persoa condenada por nepotismo
O BNG considera que a dimisión da até agora Valedora do Pobo, Milagros Otero, chega tarde tras meses nas que se estivo danando a imaxe dunha institución que debe velar polo cumprimento da lei e amparar a todos os galegos e galegas pero que, por contra, tiña ao fronte a unha persoa condenada por un caso de enchufismo na administración pública.

“Chega tarde e Feixóo é responsable do dano á unha institución estatutaria como é a Valeduría do Pobo, poñendo en risco a súa credibilidade ante a cidadanía porque non pode ter credibilidade unha valedora que foi precisamente acusada de nepotismo e de prácticas corruptas na institución, ao que se suma o feito de que ao longo do desempeño da súa función demostrou sempre que estaba máis ao servizo do PP que ao servizo do pobo galego”, salienta a portavoz nacional, Ana Pontón.

A líder nacionalista tamén fixo unha segunda reflexión ao lembrar que esta elección foi o resultado dun pacto bipartidista entre PP e PSOE, co resultado coñecido.

“Esta situación é produto tamén dun pacto bipartidista entre PP e PSOE, responsables por iso de ter conducido á institución ao declive” e, de cara a poder salvagardar a Valeduría do Pobo de futuras componendas pide “un debate con todos os grupos parlamentarios para que o futuro valedor ou valedora do pobo sexa o resultado dun pacto amplo e que non se repita un pacto bipartidista que xa vimos que o que trouxo á a institución”.

Neste sentido, Pontón agarda que PP e PSOE “aprenderan dos seus erros do pasado e que iso permita ir a unha elección ampla, representativa e que realmente a persoa que asuma a responsabilidade nesa institución cumpra a función que ten encomendada, que non é outra que defender os intereses dos e das galegas ante a Administración, defender os seus dereitos”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG