Debate sobre o sistema de financiamento de Galiza

Ana Pontón pide a PP, PSOE e En Marea “non ser cómplices de colocar Galiza no tren das rexións”

ANAPONTON RP XUNTA PORTAVOCES1
Rolda de Ana Pontón no Parlamento
  • Ve sorprendente que prefiran que Montoro manteña  a chave dos cartos e que asuman a “falsa idea centralista” de que somos un país subsidiado
  • O BNG Propón reorientar 900M€ dos orzamentos e crear a Comisión de investigación das caixas, “no limbo” pese a sentenza das cláusulas solo

“Fago un chamamento a PP, PSOE e Marea a non ser cómplices de situar Galiza no tren das rexións, rebaixando o status que xa temos de nacionalidade histórica e, polo tanto, animo a estas tres forzas políticas a que abandonen esa idea centralista de que Galiza non pode, que non ten capacidade para financiar os seus servizos públicos porque é unha idea falsa para manter unha Galiza submisa e dependente”, afirmou Ana Pontón en resposta á posición das restantes forzas políticas do Parlamento Galego.

A dirixente nacionalista salientou que os propios datos da Xunta avalan o concerto económico galego que propón o BNG como novo modelo de financiamento, pois revelan que o Estado recada 3.000 millóns de euros máis dos que inviste, por iso todo o que sexa “renunciar a xestión total” de todos os nosos recursos “será un fracaso”, advirte. Pontón considera incompresible que PP, PSOE e Marea “prefira que sexa Montoro quen administre os nosos recursos en lugar de facelo desde Galiza”.

De cara á inminente reunión entre Goberno central e executivos autonómicos, a portavoz do Bloque pide a Feijóo “que se comporte como o presidente dunha nación”, o que implica “establecer unha negociación bilateral co Estado como xa ten de facto Euskadi, Navarra ou Catalunya”. Pontón advirte que, a unha semana dese cumio, todo apunta a que o líder do PPdG “vai defender máis do mesmo nunha repetición anunciada do fiasco de 2009”.

Pleno de Orzamentos

Pontón fixo estas declaracións tras a xunta de portavoces na que tamén fixou a posición do BNG de cara ao debate plenario das emendas á totalidade ás contas de 2017 presentadas pola Xunta, que cualificou de “orzamentos peperianos en estado puro” porque consolidan os recortes en política social, manteñen a privatización de servizos públicos e non favorecen a creación de emprego. En definitiva, “non dan esperanza á maioría social”, sentenciou.

A alternativa plasmada na emenda total e na emenda transversal do BNG propón mobilizar máis de 900 millóns de euros reorientando gasto superfluo ou prescindible e incrementando os ingresos fiscais en 135 millóns cunha tributación máis progresiva, todo co obxectivo de blindar prioridades sociais, dar un salto cuantitativo na loita contra a violencia machista, -pasando de 5 a 95M€-, e duplicar o investimento en I+D+I.

Entre as partidas mobilizadas, 115 millóns para o rescate do Hospital de Vigo, 105 para reducir as listas de espera, 54 para contratación de persoal sanitario e 60 para mellorar a atención primaria. No ensino, 22 millóns para contratación de persoal docente e 14 para bolsas e, non referente á política social, propón 12 millóns de euros para unha Renda de integración social e 4 para abordar os casos máis urxentes de exclusión.

Comisión de investigación das caixas

O BNG aproveitou a xunta de portavoces para instar a constitución da comisión de investigación das caixas de aforro acordada fai máis dun mes, “pero que segue no limbo”. Pontón entende que é máis necesaria que nunca tras coñecer a sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo favorable á devolución do cobrado pola banca a través das cláusulas solo.

“É imperioso investigar as condicións de venda de NovaGalicia Banco por parte do FROB, que eximía ao comprador e impoñía á Administración o custe da devolución desas cantidades indebidamente cobradas a miles de galegos e galega que teñen subscrita unha hipoteca”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG