Parlamento Galego

Ana Pontón pide unha posición unánime do Parlamento contra venda centrais do Xallas

Intervención de Ana Pontón no Pleno
Intervención de Ana Pontón no Pleno
  • Ana Pontón: “Mandemos unha mensaxe clara á Costa da Morte de que non se permite a Villar Mir vulnerar a lei para facer caixa cos recursos de tod@s”

O BNG pediu no Parlamento galego unha posición unánime de todos os grupos políticos en contra da venda das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande nos concellos de Cee e Dumbría, anunciada pola empresa Ferroatlántica co obxectivo de amortizar débeda da multinancional.

“Enviemos unha mensaxe clara as traballadoras e aos traballadores e a toda a costa da Morte, preocupados polas noticias de que o señor Villar Mir xa ten compradores a prezo de saldo vulnerando a lei para facer caixa con recursos naturais que son de todos e de todas as galegas. A que agarda o PP para dicir publicamente que a Xunta non o vai permitir?”, interpelou a portavoz nacional, Ana Pontón, na Cámara.

A deputada do Bloque lembrou as emendas presentadas no debate parlamentario de orzamentos para garantir a permanencia do emprego de Ferroatlántica, a defensa da non segregación das centrais hidroeléctricas do río Xallas da produción industrial e deseño dun Plan Industrial asociado.

O BNG pide, ademais, establecer co grupo empresarial Ferroglobe e moi particularmente con Ferroatlántica S.A. “os mecanismos necesarios de colaboración para conseguir incrementar os niveis actuais de emprego e de actividade industrial en Galicia e especialmente nos concellos de Cee e Dumbría”.

A formación nacionalista considera ilegal segregar a explotación hidroeléctrica da explotación industrial, porque así está determinado nas condicións da concesión a Ferroatlántica e así foi referendado xudicialmente. A concesión da explotación hidroeléctrica dos ríos Xallas e Grande foi concedida para garantir a súa viabilidade e a súa permanencia na comarca da Costa da Morte, onde os empregos desta multinacional son unha parte central da economía local.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG