Ana Pontón pide persoal e medios para axilizar as probas radiolóxicas das persoas afectadas de cancro

Ana Pontón
Ana Pontón e Noa Presas diante do hospital de Ourense
  • A tardanza  para realizar probas de TAC pola   falta de persoal e medios están a provocar un colapso no servizo de radioloxía e demoras de varios meses para o seguimento e  tratamento da enfermidade

A  portavoz nacional do BNG, Ana Pontón mantivo hoxe un encontro con persoas afectadas de cancro tratadas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense no que lle trasladaron as queixas e denuncias pola  tardanza na realización   de TAC de control para o seguimento da enfermidade por falta de persoal e recursos en radioloxía.

A nacionalista indicou  que despois do diagnóstico dun cancro é necesario un seguimento desta enfermidade, que cada vez ten un impacto maior na sociedade, polo que todo  o servizo sanitario debe manter un comportamento escrupuloso no seu funcionamento para impedir “esperas e máis sufrimento”.

Pontón salientou que o servizo de radioloxía, “é clave” no seguimento e diagnóstico  do cancro e no Hospital de Ourense son públicas as denuncias do colapso que está a padecer o servizo pola falta dun radiólogo. Esta deficiencia de persoal, dixo, tamén está afectar a outros servizos e centros hospitalarios  polo que reclamou “máis persoal e medios” para combater os recortes na sanidade pública. “A mala xestión da Xunta de Galiza en materia sanitaria, ten consecuencias, as veces irreparables nas vidas das persoas”, afirmou.

A portavoz do BNG reiterou que ante os continuos recortes  é preciso dotar á sanidade pública  de máis medios humanos e recursos e concretamente en Ourense, “acelerar as obras do novo edificio cun retraso acumulado de máis de seis meses”.

Ana Pontón falando con afectad@s de cancroPontón salientou que os problemas detectados no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) con importantes  demoras para as  probas de TAC afectan tamén  a outras áreas sanitarias. “A Xunta non conta cunha planificación axeitada” polo  que debe contratar a máis persoal sanitario e ampliar as prazas de MIR para seguir formando profesionais. Resulta ilóxico, dixo que sanitarios e sanitarias cunha excelente formación segan emigrando mentres a Xunta permanece de “brazos cruzados” e utilizando os recortes como “coartada” para privatizar a sanidade pública e  avanzou que o BNG seguirá traballando ao lado dos e das profesionais da sanidade e os enfermos e enfermas que denuncian para que non haxa silencio e que  “algo se mova na Xunta de Galiza”. Dende o BNG non imos a “quedar de brazos cruzados”.

Durante as  declaracións de Ana Pontón aos medios de comunicación,  un dos afectados polas demoras do TAC presentes no encontro coa portavoz do BNG recibiu unha chamada do hospital para confirmar  a súa cita nos vindeiros días. Ana Pontón se preguntou cántas persoas estarán agardando dende hai  meses por unha cita médica pero  que hoxe non están nesta rolda de prensa. “A sanidade pública ten que funcionar con igualdade para todo o mundo”, o hospital de Ourense non pode continuar cunha xestión dándolle as costas aos afectados e “reaccionando só cando se producen denuncias públicas”.

Pontón concluíu a súa intervención anunciando que o BNG pedirá explicacións no Parlamento galego sobre as denuncias pola falta de persoal en radioloxía e reclamará dotar o hospital de Ourense de máis medios e recursos para evitar que siga sendo “un funil” para aquelas persoas que precisan de seguimento e tratamentos para poder curar a súa enfermidade.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG