Ana Pontón pide non baixar a garda porque máis do 80% da poboación non completou a vacinación

Ana Pontón

Reclama limitar a mobilidade con Galiza a persoas de territorios que teñan un nivel de contaxios menor ou similar, “para evitar unha nova onda”

Propón suprimir a discriminación horaria entre os locais de hostalería porque non ten xustificación nun sector que demostrou responsabilidade

Ana Pontón pide non baixar a garda porque máis do 80% da poboación non completou a vacinación

A poucas horas de rematar o estado de alarma, a portavoz nacional, Ana Pontón, fai un recoñecemento aos galegos e as galegas que de xeito maioritario tiveron un comportamento exemplar durante a pandemia, o que permite agora iniciar unha desescalada. Pide sen embargo prudencia e non baixar a garda, “posto que aínda queda moito camiño por facer e máis do 80% da poboación continúa sen inmunizar coa dose completa de vacinación”.

“Ese esforzo colectivo permite afrontar esta cuarta onda con cifras moderadas, pero hai que manter a precaución mentres o nivel de vacinación non sexa maioritario para evitar pasos atrás”, recalcou. E neste contexto, Pontón formula unha dobre proposta dirixida ao presidente da Xunta.

A primeira, que a mobilidade con Galiza se limite a aquelas persoas que procedan de territorios cun nivel de contaxios igual ou inferior ao deste País: “é unha medida importante para protexer a poboación despois de tanto esforzo e o Goberno galego debería dar prioridade a evitar contaxios e a evitar unha nova onda, sobre todo tendo en conta que aínda falta moito para conseguir a denominada inmunidade colectiva”, indicou Pontón.

A segunda proposta que formula o BNG é a de suprimir a discriminación horaria entre os diferentes locais de hostalaría, “porque non hai ningunha razón obxectiva para que cafeterías, bares e restaurantes non teñan o mesmo horario para traballar, sobre todo despois de que o sector demostrou a súa responsabilidade ao longo da crise. O que  precisa é que se lle deixe traballa, obviamente de maneira segura e cumprindo todos os requisitos”, explicou Pontón.

Neste sentido, subliñou a líder nacionalista, o Bloque pídelle ao xefe do Executivo que se suprima esa medida.

Ana Pontón pide non baixar a garda porque máis do 80% da poboación non completou a vacinación