Ana Pontón pide á mocidade se implique co BNG, “a forza que pode ofrecerlles un futuro de esperanza”

Homenaxe de Galiza Nova a Rosalía de Castro e Castelao
Acto Galiza Nova

“Temos un proxecto moderno, aberto, plural, innovador, creativo, feminista, coas ideas claras”, salienta na homenaxe a Rosalía e Castelao

Galiza Nova destaca o seu papel de loita contras as políticas “antigalegas e antisociais” que impón Madrid e Bruxelas

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o acto de homenaxe a Rosalía e a Castelao organizado por Galiza Nova para pedirlle á mocidade galega “que non tire a toalla” e que se implique no seu futuro da man dun proxecto como o que representa o BNG, “a única forza política que pode ofrecerlles aos mozos e mozas un futuro cargado de esperanza”.

“Un futuro onde a mocidade non teña medo, nin incertezas, no que poder deixar atrás a precariedade e a emigración, onde as mozas teñan igualdade real e sen violencias machista, un futuro onde coidemos o noso territorio e enfrontemos o cambio climático”, afondou Pontón, “e para cambiar o declive de Galiza necesítase determinación, valentía e proxecto de país. E iso só o ten o BNG”.

Tras lembrar o seu paso por Galiza Nova, a líder do Bloque animou ás xuventudes nacionalistas “a traballar con pedagoxía, con humildade e con vocación maioritaria” para sumar os mozos e mozas que comparten as ganas de construír unha Galiza con futuro: “son milleiros, nas aulas, nos centros de traballo, nos colectivos sociais, deportivos, veciñais, nas redes, e temos o reto de chegar ata esa mocidade que comparte o amor por Galiza e as ansias de mudar o que non nos gusta”.

Acto Galiza NovaDespois da indiferenza e da discriminación das forzas estatais, - de novo visible no debate de investidura-, “incapaces de defender os intereses dos e das galegas”,- Pontón presenta o BNG como unha organización “libre e soberana que non ten que pedir permiso a Madrid para construír un país xusto e con oportunidades”.

“O futuro de Galiza témolo que construír nós e desde nós, e no Bloque temos un proxecto moderno, aberto, plural, innovador, creativo, sustentable, feminista, atrevido e coas ideas claras. Iso é o BNG e iso vai ser Galiza”, concluíu, facendo un chamamento “á rebeldía” da xente moza porque “son tempos dun nacionalismo optimista, que mira con confianza ao futuro porque imos na boa dirección”.

Desde Galiza Nova, Claudia Quintela puxo á mocidade nacionalista como exemplo de “xente nova comprometida, coas ideas claras na defensa dos intereses do pobo galego e contra as políticas antigalegas e antisociais que nos impoñen desde Madrid e desde Bruxelas e que nos conducen ao paro, á dependencia, á miseria e á emigración”.

Quintela salientou entre as loitas que protagoniza a xuventude de Galiza Nova a defensa dun traballo digno sen ter que emigrar, a defensa da cultura e da lingua propias, dos dereitos das mulleres e das persoas LGTBI.

“Contra a precarización laboral, contra a privatización dun ensino orientado só para as elites, contra a corrupción, contra a monarquía española e a favor da república galega, con Galiza como marco de referencia para conseguir a soberanía e a xustiza social para o pobo galego”, subliñou.

En nome de Galiza Nova, salientou a vixencia do discurso e das propostas que no seu día formularon Rosalía e Castelao, “dous imprescindibles”, na tradicional homenaxe en Santo Domingo de Bonaval que, tras as intervencións políticas e musicais concluíu coa habitual ofrenda floral no Panteón dos e das galegas ilustres.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG