Ana Pontón pide a Feixóo que tome todas as medidas necesarias para dar resposta á situación sanitaria, social e económica

Ana Pontón
Ana Pontón

Reitera a “total e leal” colaboración do BNG para loitar contra a crise do coronavirus

Propón blindar Galiza para frear a expansión do virus e que Feixóo se anticipe con medidas “potentes” contra a escaseza de material médico e de protección

Reclama “un Plan de choque” para  persoas usuarias e traballadoras de residencias de maiores, liñas de axudas para os máis vulnerables, un cheque de emerxencia para autónomos e autónomas e pechar a actividade do marisqueo

Pontón pide crear unha Mesa Galega de Axentes Sociais e Económicos con partidos, sindicatos e patronal para abordar e dar resposta ás consecuencias económicas e sociais da crise do coronavirus

A portavoz nacional do BNG,  Ana Pontón, manifesta a “total e leal” colaboración do BNG para saír da crise e pide ao goberno galego “medidas potentes” e anticiparse para ofrecer unha  mellor  resposta sanitaria, social e económica. Neste sentido,  considera que hoxe Feixó perdeu  un día máis para pedir “blindar” Galiza das  zonas de  maior  contaxio como Madrid e pon como exemplo  Canarias e Baleares que, con menos casos que Galiza, tomaron medidas para frear a expansión do virus. “Blindar Galiza é unha medida de responsabilidade para evitar contaxiar a outros territorios ou recibir contaxios das zonas que están en peor situación”, recalca a portavoz do BNG.

Por outra parte, Pontón tamén  manifesta a preocupación da forza nacionalista  pola falta de material médico e de protección. Este feito, asegura,  demostra que centralizar competencias non dá mellor resposta á crise. Non vale de nada queixarse pola falta de material e despois apoiar a suspensión das competencias da Xunta neste ámbito polo que “instamos a Feixóo que faga o que teña que facer para garantir que hai material médico de protección suficiente”.

Protección para as residencias de maiores cun Plan de choque

Ante a situación xerada nas residencias de maiores, o BNG pide que se poña en marcha “un plan de choque” para protexer ás persoas usuarias e ofrecer as máximas garantías ás traballadoras e traballadores e nesta liña deben realizarse  probas de coronavirus “en todas as residencias de maiores, tanto a persoal como residentes” e intervir as residencias privadas mentres dure a crise sanitaria coa finalidade de coordinar medidas e dar unha resposta a un sector tan vulnerábel.

Recursos para as persoas máis vulnerábeis

 No ámbito social, o BNG urxe   á Xunta a dotar unha liña de fondos propios para axudas a persoas sen recursos para  dispoñer  dun mínimo vital co que  facer fronte aos gastos de alimentación.

Medidas de apoio contra as consecuencias da crise económica e laboral

Para a nacionalista, “a Xunta está quedando atrás” á hora de dar resposta a unha crise que xa provocou o despedimento de miles de persoas, pechou negocios e pon en grave risco as pequenas e medianas empresas. Neste ámbito, o BNG propón: Crear unha Mesa Galega de Axentes Socias  e Económicos con  partidos, sindicatos e patronal co fin  de  concitar consensos  para “abordar as consecuencias económicas e sociais dunha crise que vai mudalo todo”.

Crear  unha liña de axudas, entre 1.500 e 2.000 euros, para autónomos que cesen actividade ou diminúan ingresos nun 75%. Dotar dun “cheque de emerxencia” para autónomos  e pequenas e medianas empresas para sufragar os gastos correntes dos negocios ao que sumou, o “peche da actividade do marisqueo” con  axudas para lucro cesante”.

Redefinir o Xacobeo 2021 e apoio á Cultura galega

Finalmente, a portavoz do BNG reclama “redefinir” a programación prevista para o  Xacobeo 2021 con apoio  preferente á cultura galega con liñas de axudas “extraordinarias” para o sector cultural ante  a paralización da programación prevista neste trimestre.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG