Ana Pontón pide a Feixóo rigor e prudencia ante unha desescalada porque Galiza segue en cifras de risco extremo coa pandemia

BNG inclúe no Xerar Futuro, Galiza Next un investimento adicional de  775 M€ para reforzar o sistema sanitario e mudar o modelo de coidados

Insiste en reclamar un plan de vacinación do que nada se sabe excepto os anuncios propagandísticos do presidente da Xunta

A portavoz nacional, Ana Pontón, demanda “rigor e máxima prudencia” ao presidente da Xunta ante unha eventual desescalada tendo en conta que Galiza segue en cifras en risco extremo de pandemia e tendo en conta o problema no subministro da vacina, ao que se suma que o plan de vacinación segue a ser unha sucesión de anuncios propagandísticos.

Neste contexto, apela a non repetir os erros que trouxeron unha terceira onda convertida na máis virulenta da crise.

“É necesario extremar a precaución e o rigor nas medidas que se adoptan para evitar dar pasos atrás, porque se ben hai unha baixada dos contaxios a situación é de risco extremo. Por iso, calquera medida debe ser estudada e analizada con lupa, sen entrar nunha absurda carreira pola desescalada porque xa vimos ás consecuencias de poñer por diante da saúde calquera outra consideración”, explicou a líder nacionalista.

Pontón indicou que a evolución do virus está “nun momento decisivo” e un paso en falso pode pagarse moi caro en termos de saúde e, neste sentido, mostrou a súa preocupación pola falta de coordinación no propio Executivo. “Mentres Feixóo falaba de desescalada e de flexibilizar as restricións o seu propio conselleiro de Sanidade o desmentía,  e na peor fase da pandemia non podemos ter un goberno que se contradiga a si mesmo”, alertou.

Todo isto mentres o Goberno do PP segue sen remitir ao Parlamento o plan de vacinación, “do que nada se sabe salvo os anuncios propagandísticos do presidente da Xunta, o mesmo que tardou máis dun mes en vacinar ás 40.000 usuarias e traballadoras das residencias pero que presume de que en dous meses pode vacinar a case tres millóns de galegas e galegos.  Unha tomadura de pelo nun asunto capital”, indicou, ao que se engade as dificultades de subministro do antídoto.

A líder do BNG tamén puxo sobre a mesa a urxencia de mellorar o actual sistema sanitario e de coidados aproveitando os recursos extraordinarios dos fondos de recuperación europeos. En concreto, fixo referencia ao programa Xerar Futuro, Galiza Next no que o Bloque formaliza as súas propostas para mobilizar 14.800 M€ utilizando eses fondos e tamén parte dos previstos no Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 da UE, para saír da crise e sentar as bases do desenvolvemento de Galiza nas próximas décadas.

Dentro do Galiza Next, o BNG formula un plan para reforzar o sistema público de saúde e poñer en marcha un novo modelo de coidados das persoas maiores dotado con 775 M€. “Se algo nos ensinou esta pandemia é que sen servizos públicos fortes capaces de velar pola saúde e polo coidado das persoas non hai futuro, nin no económico, nin no social”, explicou Pontón.

Estratexia FOGAR

Eses 775 M€ servirían para reforzar a atención primaria e a medicina preventiva, ampliar a atención hospitalaria, activar un plan de atención a saúde mental, reverter as privatizacións, poñer en marcha unha estratéxica galega xenómica e de medicina personalizada e crear un centro de alertas epidemiolóxica, porque a COVID non será a última pandemia.

No ámbito dos coidados, o programa Xerar Futuro, Galiza Next inclúe a estratexia FOGAR para garantir o dereito a unha vellez digna, con propostas como un modelo que aposte por residencias públicas, no que a atención domiciliaria sexa elemento central para atender as persoas maiores no seu propio entorno e incorporando as novas tecnoloxías aos coidados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG