Ana Pontón pide a Feixóo que se poña na pel das mulleres de Verín

Critica que recorte servizos sanitarios ás mulleres e nen@s do rural. “Pechar o paritorio e as gardas pediátricas é a súa maneira de loitar contra a despoboación?”

Reclama recuperar os servizos no hospital comarcal, sumar 237 M€ a atención primaria e convocar as prazas vacantes no SERGAS

Poucas áreas tan afectadas pola década de recortes do Goberno de Feixóo como a sanidade, por iso a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control para recriminar “a desfeita sanitaria” do PP, “até o extremo de poñer en perigo a saúde dos e das galegas”. Non é retórica, -recalcou, “e aí están os dramáticos casos da Estrada ou de Dozón para constatar que os recortes matan”.

Recortes que se cebaron especialmente na atención primaria e nos hospitais comarcais, como deixa en evidencia o peche do paritorio e a supresión das gardas pediátricas no Hospital de Verín, o que ten “en pé de guerra toda unha comarca”.

A líder nacionalista criticou a decisión do xefe do Executivo que recorta dereitos e servizos sanitarios ás mulleres e aos nenos e nenas do rural. O peche do paritorio, explicou Pontón, implica que as mulleres de Verín e comarca terán que viaxar unha hora, unha hora e media, para poder dar a luz; e significa que se un neno, unha nena precisa atención urxente terá que viaxar durante 60, 90 minutos para ser visto por unha pediatra.

“Eu pregúntolle señor Feixóo: gustaríalle que esa muller fose a súa compañeira? Gustaríalle que ese neno fose o seu fillo? Gustaríalle que se esperta de madrugada con 40 de febre o teña que sacar da cama en pixama, metelo no coche e percorrer 100 quilómetros até ser atendido polo pediatra de garda? Estaría tranquilo así? Eu desde logo non estaría tranquila e síntome moito máis segura sabendo que non terei que percorrer 100 quilómetros para dar a luz”, argumentou, instando ao presidente da Xunta a poñerse na pel das mulleres, das nais e dos país.

A dirixente do Bloque foi moi crítica coa argumentación do Goberno para pechar estes servizos sanitarios en Verín. “É o colmo do descaro que digan que pechan porque é máis importante a seguridade que a comodidade, como se ter atención médica cerca fose  pouco menos que un capricho de mulleres, de nais e de país comodóns”, rexeitou.

“Se a Xunta considera que os servizos sanitarios que ofrece o Hospital de Verín son mellorables, que se melloren, pero non se esconda detrás dos profesionais para seguir co de sempre: recortes, recortes e recortes, nada menos que na saúde dos galegos e das galegas”, replicou ante os supostos criterios técnicos esgrimidos para xustificar os recortes neste hospital comarcal.

Tras reproducir as declaracións do xefe de xinecoloxía do centro hospitalario de Verín, dando conta da eficacia e profesionalidade do servizo, -con 3.000 partos-, Pontón acusou a Feixóo de “covarde” ao tentar xustificar os recortes coa falta de pericia dos e das profesionais. Do mesmo xeito que se suprimen as gardas pediátricas hospitalarias despois de que o SERGAS tivese convocado prazas para este servizo, “que non lograron cubrir pola súa política de precarización do emprego na sanidade”, denunciou Pontón.

A líder nacionalista tamén rexeitou o argumento do peche deste servizo pola baixa cifra de nacementos no rural: “pois se pecha servizo sanitarios aínda haberá menos, é esa a súa política para fixar poboación no rural, é esa a súa medida estrela de impulso demográfico, recortar servizos sanitarios para as mulleres e os nenos e nenas?, interpelou. “Se vostede é o conselleiro de sanidade fosen mulleres e vivisen en Verín estou segura que no pecharían o paritorio”, concluíu.

Pontón instou a Feixóo a rectificar, “porque cando rectifica, acerta”, e puxo sobre a mesa propostas concretas, empezando por recuperar os servizos que se eliminaron no hospital de Verín, incrementar 237 M€ os recursos en atención primaria nos orzamentos de 2020 e convocar todas as vacantes do Sergas. “En definitiva, aposte pola sanidade pública”, sentenciou.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG