Ana Pontón pide a Feixóo “que abandone a política lingüicida que busca a asfixia deliberada do galego”

Encontro A Mesa
Encontro A Mesa

BNG e a MESA coinciden en pedir a derrogación do “decreto da vergoña” tal como pide o Consello de Europa nun informe moi crítico co Goberno

Denuncian que a Xunta renuncia a presenza do galego nas plataformas dixitais, que consume a mocidade, que si promoven os gobernos vasco e catalán por un canón anual de 60.000€

BNG e a Mesa pola Normalización Lingüística coinciden en reclamar a derrogación do “decreto da vergoña” que limita o uso do galego no ensino e está provocando que o idioma propio perda espazo e retroceda entre a xente máis nova.

Así o expresaron en rolda de prensa a portavoz nacional, Ana Pontón, e o presidente da MESA, Marcos Maceiras, nun encontro no Parlamento no que analizaron o informe do Consello Europeo, moi crítico coa política da Xunta en materia lingüística, encontro no que tamén participou Celia Armas, membro da permanente da MESA.

Pontón salientou que o “demoledor” informe deixa ao descuberto que a Xunta, pero tamén o Goberno central, incumpre a legalidade vixente e están poñendo atrancos e barreiras ao desenvolvemento e uso normal do galego.

“Non é un proceso casual senón consecuencia dunha política do PP que busca a asfixia deliberada da lingua galega mediante un proceso de substitución lingüística onde o galego ocupa cada vez menos espazo e é discriminado polas institucións que teñen o mandato de protexelo”, salientou a líder nacionalista.

Unha realidade que denuncia a sociedade galega, -que se mobiliza masivamente a favor da lingua cada vez que hai unha manifestación-, pero tamén a Real Academia, a MESA ou plataformas como Queremos Galego. E fronte ao deterioro da lingua galega, -recriminou Pontón-, “o que temos enfronte é o negacionismo da Xunta e do PP, que en lugar de asumir a realidade e o problema de futuro que representa, o que fai é unha fuxida cara adiante mesmo cun Feixóo descualificando o informe dos expertos”.

Por iso, “desde o BNG pedimos que se derrogue o decreto da vergoña que xa está agónico e  que reduce o espazo do galego no ensino.  É necesario que a Xunta rectifique unha política que leva a unha discriminación efectiva das persoas galegofalantes e que asuma de inmediato as recomendacións do Consello de Europa. Hai que mudar a política lingüicida por unha de apoio á lingua propia, non en vano é o que máis nos define como galegos e galegas”, concluíu.

O informe do Consello de Europa deixa datos moi preocupantes nos que a nacionalista apoio as súas críticas.  

Por exemplo, que a presenza do galego é insuficiente na educación, particularmente no nivel pre-escolar, denuncia que as materias científicas non poden ser impartidas en galego nos institutos, que só o 23% dos graos universitarios son ofrecidos en galego e o 30% dos mestrados, e que non hai posibilidade de cursar o currículo en galego en ningún nivel de pre-escolar, primaria ou secundaria.

O informe tamén insta ao Goberno central a  modificar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso do galego nos procesos xudiciais a petición dunha das partes, así como garantir o uso do galego na administración estatal en Galiza ou na sanidade.  Os datos do Consello de Europa, “pese ao intento de desprestixialo por parte de Feixóo”, son congruentes con todos os estudos sociolingüísticos, incluídos os datos da Xunta a través do IGE.

Avalancha de datos negativos

Datos que indican que na última década a porcentaxe de menores de 15 anos que nunca fala en galego disparouse 15 puntos, pasando do 29,59% en 2008 ao 44,13% en 2018. Ou que un de cada catro menores de 15 anos non sabe falar galego hoxe e o 30% non sabe escribir nesta lingua, pese a que o Estatuto establece a obrigatoriedade de ter dominio das dúas linguas tras finalizar a o ensino básico.

Sete de cada 10 menores de 15 anos teñen o castelán como lingua habitual e maioritaria, practicamente en exclusiva e só o 17% da poboación galega escribe habitualmente en galego, independentemente da lingua que falen. Case o 64% das persoas que din falar “sempre en galego” mudan ao castelán na escrita.

Pola súa parte, o presidente da MESA, Marcos Maceiras, foi moi claro pedindo a derrogación do decreto, valorou a mobilización social e pediu seguir coa presión social para mudar a política lingüística do Goberno do PP.

Subtítulos en Movistar, Netflix, HBO

Outro aspecto valorado na reunión foi a ausencia do galego en espazos de ocio de consumo masivo por parte da mocidade, como por exemplo as plataformas dixitais, fundamental para promover o uso do propio idioma nas novas xeracións.

“Onde están os espazos de lecer en galego para a mocidade? En ningún sitio. Somos a única lingua en todo o Estado onde o seu propio goberno non fai nada para que o seu idioma se vexa nas plataformas dixitais que é o que ve hoxe a mocidade cando accede a produtos como series ou filmes”, salientou Maceiras, en relación aos subtítulos en galego, que si existen en vasco e catalán.

“Isto xa o fixo o Goberno vasco e catalán en 2016 por 60.000 euros ao ano, que é menos do que cobra actualmente o autor do decreto do plurilingüismo, o señor Anxo Lourenzo. Por menos do que cobra este señor ao ano, os rapaces e rapaces poderían ter todas as series, como Xogo de Tronos, en galego en Movistar e, como recolle o pacto dos gobernos de Euskadi e Catalunya, a partir do primeiro ano poder poñelo a disposición de todas as plataformas, como Netflix ou HBO. Somos a única lingua na que o Goberno non é capaz de poñer 60.000€ ao ano”, criticou.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG