Ana Pontón pide a Feijóo que asuma responsabilidades pola “traxedia anunciada” da vaga de incendios

Propón un cambio de rumbo na xestión forestal para enterrar o “negocio do lume” e substituílo pola limpeza, ordenación e posta en valor do monte

Reclama respecto para as miles de persoas que se sentiron abandonadas  e indignadas pola falta de medios e a desinformación, “como no Prestige”

Tras a dramática vaga de lumes que colocou Galiza nunha situación de emerxencia, a portavoz nacional, Ana Pontón, considerou “imprescindible” pedir explicacións ao presidente da Xunta tanto sobre a xestión dos lumes como das medidas para enfrontar unha situación que deixou catro vítimas mortais, miles de desaloxados, centos atrapadas na autoestradas, vivendas e negocios queimados e un país arrasado.

“E o grave é que era unha traxedia anunciada”, salientou Pontón, quen instou a Feijóo a asumir a súa responsabilidade e recoñecer que se equivocou ao recortar medios nun momento en que as condicións era extremas.

“Ninguén discute que Galiza viviu unhas condicións meteorolóxicas extremas, nin tampouco que hai quen prende lume. Precisamente por iso resulta tan incomprensible e tan irresponsable a actuación do seu Goberno: no medio dunha seca sen precedentes, nun mes de outubro con incendios diarios, e cun furacán ás portas decide recortar medios”, denunciou a portavoz nacional durante a sesión de control no Parlamento.

Neste escenario, criticou Pontón, “despide a case mil traballadores do servizo de extinción e proclama que isto non terá consecuencias porque, cito literal, o risco de incendios na zona Atlántica baixou de forma evidente”.

“Supoño que recoñecerá que se equivocou e asumirá a súa responsabilidade”, reclamou,  “é o mínimo que lle debe ás miles de persoas que saíron á rúa para dicir lumes Nunca mais, que se sentiron abandonados pola falta de medios e indignadas pola manipulación informativa, igual que no Prestige, débello aos miles de cidadáns que pasaron medo, e ás persoas que perderon absolutamente todo”.

Ante a situación de emerxencia nacional que viviu Galiza, a portavoz nacional pediu a Feijóo que non elixa “esconderse detrás do relato, detrás da teoría do terrorismo incendiario para eludir a responsabilidade de seguir coa mesma política forestal fracasada e criminal dos últimos 30 anos, que converteu Galiza nun polvorín”.

Pola contra, convidou ao presidente da Xunta a un “cambio de rumbo na xestión forestal para enterrar o negocio do lume e substituílo polo negocio da limpeza, da ordenación e da posta en valor do monte”. Arrancar este camiño é máis urxente ca nunca porque o cambio climático, indicou,  “pon en xogo o futuro do noso territorio, pero tamén a seguridade das persoas”.

Neste sentido, Pontón lembrou que, tras a traxedia de Portugal, remitiu unha carta ao presidente da Xunta para iniciar un debate en profundidade para mudar a política forestal, deixar de eucaliptizar Galiza a maior gloria de ENCE e apostar por limpar o monte e polo seu aproveitamento multifuncional. “Nin sequera se molestou en contestarme”, lamentou.

Comisión de estudo e investigación

No curto prazo, o Bloque tamén formulou unha serie de propostas desde a responsabilidade política “que non tivo o PP cando estaba na oposición” e co compromiso expreso da portavoz nacional de que o BNG “nunca vai utilizar ás vítimas dos lumes para facer campaña electoral como fixo vostede”, subliñou Pontón, sen mencionar as declaracións de Feijóo plasmadas no titular de prensa “con nós non morría xente nos incendios, con eles catro persoas”.

Entre as proposta concretas,  crear unha comisión especial que estude e investigue a xestión da vaga de lumes, depure responsabilidades e permita corrixir os erros, a posta en marcha dun plan urxente e con dotación económica para garantir as franxas de seguridade, axudas para todos os afectados, particulares e concellos.

Igualmente, abrir o debate para un cambio de rumbo na política forestal “para que Galiza deixe de ser pasto do lume”, concluíu Pontón, tras volver a amosar a solidariedade do BNG coas vítimas, e de recoñecer o labor titánico de todas as persoas que loitaron contra o lume e o orgullo polo pobo galego autoorganizado para enfrontar as lapas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG