Ana Pontón pide explicacións a Feixóo da vacinación irregular da responsable de DomusVi, nunha lista autorizada pola Xunta

Ana Pontón
Ana Pontón

Máis aló do inmoral comportamento, o Goberno ten que explicarse e asumir responsabilidades pola complicidade con este grupo empresarial, reclama

Critica que o Executivo fale de “brotes verdes” cando os datos da pandemia seguen a ser dramáticos en contaxios, vítimas e hospitalizados

A portavoz nacional, Ana Pontón, atribúe ao Goberno de Feixóo a responsabilidade última de que se tivese vacinado á conselleira delegada do Grupo DomusVi, Josefina Fernández, saltándose o protocolo de vacinación, pois foi posible porque figuraban nunha lista que recibiu luz verde da Xunta.

“É un comportamento alleo a toda ética e moral que haxa quen se cole para poñerse a vacina pola que miles de persoas están agardando e considero que é unha labazada na dignidade da xente que a directora de DomusVi, -unha das empresas privadas en cuxas residencias máis impactou a COVID, en particular en termos de vítimas mortais-, teña a caradura de romper todos os protocolos para poñerse a vacina ela e o seu irmá”, denunciou.

Con todo, e con ser gravísimo este comportamento individual da conselleira delegada dunha empresa que fai da vellez un negocio, Pontón pide responsabilidades ao Goberno de Feixóo porque estaba nunha lista autorizada pola Xunta dando por bo o criterio de que Fernández formaba parte do cadro de persoal de DomusVi Vigo, unha das residencias que o grupo ten en Galiza.

“A Xunta ten que explicar como é posible que unha persoa que non forma parte dos colectivos prioritarios se lle poña esta vacina, hai unha responsabilidade do Goberno  que debe dar explicacións e asumir responsabilidades ante un feito de tanta gravidade que da conta da catadura moral da persoa, pero tamén de que existe unha complicidade da Xunta con este grupo que en algún momento nos terá que explicar”, salienta.

Tentar xustificar a vacina alegando que forma parte do persoal é “insostible”, subliña Pontón, e reproduce o argumento utilizado pola alcaldesa do PP de Boimorto que tamén se colou no proceso de vacinación da residencia de maiores desa localidade, alegando que como a residencia é de titularidade municipal e ela alcaldesa, era traballadora do centro. “Non ten nin pés nin cabeza ese argumento e as persoas que pacientemente están esperando para ser vacinadas pola súa dose merécense un respecto”, alegou.

“Pero insisto, se puideron recibir a vacina é porque estaban nunha lista autorizada pola Xunta e, polo tanto,  que a directora dun dos grupos de residencias no que máis maiores faleceron por COVID se cole nos parece impresentable,  pero que iso o avale a Xunta é imperdoable e ten que haber explicacións e asunción de responsabilidades”.

Pontón fixo estas declaracións a preguntas dos medios, nunha comparecencia na que volveu destacar a preocupante situación da pandemia que non admite a valoración positiva que se manda desde o Goberno galego.

“Un día máis estamos por riba dos mil contaxios, as UCIs están ao límite co peor dato desde que existe pandemia e cxs profesionais que non poden máis, superase o millar de hospitalizacións e a última cifra de falecidos ascende a 37 notificados nun día. Con estes datos, sae a Xunta a falar de brotes verdes. Sinceramente, non se pode ser máis irresponsable”, criticou.

A vacina é a esperanza

Non se pode dicir que a pandemia “está dando tregua”, por contra, o Goberno do PP debe reforzar o sistema sanitario, en todos os ámbitos, é contratar máis persoal así ter preparado un plan de vacinación do que nada se sabe salvo a habitual propaganda.

De feito, Galiza é a cuarta pola cola en termos de poboación vacinada tanto coa primeira como coa segunda dose, e mentres o xefe do Executivo proclama que pode vacinar ao 100% da poboación, necesitou un mes para vacinar ao 2,18%, apenas 90.000 persoas.

“Non dicimos que sexa fácil e sabemos do problema de subministro de vacinas, pero a resposta de Feixóo non pode ser a propaganda, senón planificación e anticipación. E para iso, deber presentar no Parlamento un plan de vacinación que especifique o persoal contratado, a estratexia e a loxística para inmunizar ao 100% da poboación, un reto sen precedentes na sanidade pública para o que hai que prepararse”, concluíu, sabendo que a vacina é a esperanza para superar o virus.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG