Ana Pontón pide derogar a Lei Montoro para mobilizar 900 millóns de euros de recursos municipais

Encontro municipal
Encontro municipal
Os concellos do BNG aprazan os impostos, fraccionan os cobros e elaboran medidas de compensación para os colectivos máis afectados polo estado de Alarma

A portavoz nacional do BNG,   Ana Pontón anuncia que as medidas contra a crise do coronavirus serán  reforzadas nos concellos do BNG.

Para a portavoz nacionalista,  concellos e deputacións deben xogar un importante papel para saír da crise  e nese sentido reclamou  “derogar a Lei Montoro” para mobilizar “900M€ de recursos municipais apalancados nos bancos”. Unha lei, afirmou, que “privilexiou o pago á banca, por riba das necesidades sociais  dos concellos” limitando drasticamente a súa  capacidade de gasto.

Tras a reunión, por videoconferencia, con alcaldesas e alcaldes do BNG, a portavoz nacionalista asegurou que a crise do coronavirus require “respostas e actuacións excepcionais” e ao seu xuízo, sería moi grave  que todos os fondos dos concellos continuaran “paralizados nos bancos” cando é precisa unha resposta inmediata ás necesidades sanitarias e socieconómicas. Temos un gran reto por diante  e nesta liña, dende o ámbito municipal, os concellos do BNG adoptarán medidas para alixeirar as cargas das familias e empresas polo que no referente a taxas e impostos, os concellos do BNG “adiarán o cobro das taxas e impostos, fraccionarán o cobro das taxas e impostos anuais e implementarán mecanismos de compensación para aqueles colectivos máis afectados”, tanto por ERTEs como persoas autónomas.

Pontón lembra que nos concellos gobernados polo BNG foron postas en marcha prestacións de servizos especiais na atención de persoas maiores e dependentes, persoas sen fogar, axudas de emerxencia e atención ás mulleres vítimas de violencia machista, medidas, recalca a nacionalista, fundamentais para afrontar o día a día da situación de alarma e emerxencia sanitaria.

Lores reitera o compromiso do BNG cos sectores máis afectados pola crise

Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reiterou o compromiso do concello  cos sectores máis afectados pola crise do coronavirus e na mesma liña da portavoz nacional do BNG, recalcou que é urxente derogar a Lei Montoro para que os concellos conten cos recursos de  exdecendes e remanentes de Tesourería e nalgúns casos, dixo, tamén  será preciso acudir á débeda e eliminar o teito de gasto co fin de dinamizar a economía o día despois da crise do Covid-19. Para o alcalde de Pontevedra, sen a derogación da Lei Montoro, “os concellos estarán moi limitados” para poñer en marcha medidas urxentes e advirte que, hoxe máis que nunca, é necesario dar unha resposta inmediata  aos sectores sociais máis desfavorecidos entre os que destacou as residencias de persoas maiores  e servizos  do fogar.

Lores reiterou que o concello de Pontevedra, ao igual que o resto dos concellos gobernados polo BNG están cumprindo rigorosamente coas súas competencias a pesar da “falta  de material e apoio da  Xunta de Galiza”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG