Ana Pontón pide confiar no BNG o 10N para que o Barbanza teña unha voz propia no Congreso que aporte solucións á comarca

Acto Boiro
Acto Boiro

Néstor Rego: “Vainos a vida en reaccionar contra os que destrúen as nosas oportunidades de noso futuro”

Convenio colectivo para a xente do mar e dar resposta ás traballadoras da conserva entre as prioridades a defender ante o Goberno do Estado

Ana Pontón pide confiar no BNG o 10N para que o Barbanza teña unha voz propia no Congreso que aporte solucións á comarca

A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou o mitin en Boiro instando á veciñanza do Barbanza a confiar no BNG para darlle voz propia a esta comarca no Congreso tras o 10N, “e facer o que sempre fixemos: defender os intereses dos galegos e das galegas, sen importarnos quen se sente na Moncloa, fronte a unhas forzas políticas estatais que se alternan na discriminación a Galiza”.

Hai que saír da irrelevancia política a que nos condenan as forzas estatais,  -recalcou- “e pelexar polo noso” como fan vascos, cataláns, canarias, valencianas, até os cántabros. “Nin PP, nin PSOE nin Podemos, -como comprobamos cando pactaron con Sánchez os peores orzamentos do Estado para este país en vinte anos-, defenden este país. O problema non é  só que decidan por nós, e que deciden contra nós”.

O sector da pesca, do marisqueo e o sector conserveiro son unha boa mostra das consecuencias de non ter peso político no Estado, e da irrelevancia a que levaron ao país as sucursais galegas do bipartidismo de sempre e a nova política, que lle sirve de complemento. “23 deputados e deputadas que non abriron a boca nin unha soa vez para dar a cara por este país, nin por esta comarca, ao contrario, limítanse a defender aos seus xefes de filas de Madrid”, criticou.

Nun escenario sen maiorías absolutas, indicou, os deputados e deputadas do Bloque van ser decisivos, “e que ninguén o dubide, Nestor Rego non vai ir ao Congreso para formar parte desa procesión dos caladiños, vai colocar os problemas do Barbanza na axenda do Estado”.

Pontón destacou as propostas que un BNG “determinante en Madrid” porá encima da mesa. Acabar coa discriminación laboral das traballadoras da conserva, -miles na comarca do Barbanza-, negociando un convenio netamente galego para a conserva. Promover un convenio colectivo para os traballadores da pesca, hoxe sen nada que ampare os seus dereitos laborais, anticipar a xubilación das mariscadoras aumentando os cocientes de redución e recoñecer como doenzas laborais as que sofren as mulleres do mar. Igualmente, defenderá en Madrid o dereito a pescar da frota galega cun reparto xusto das cotas pesqueiras.

A líder nacionalista destacou o potencial produtivo do Barbanza, cunha das rías máis ricas do mundo dentro da “nación pesqueira” que é Galiza, potencia produtiva en pesca, marisqueo e acuicultura e cun punteiro sector da conserva.

Acto BoiroPero para aproveitar todo este potencial, hai que “facerse valer” no Estado, proclamou, apostando pola única forza coas mans libres para defender os intereses do Barbanza. “Hoxe son maioría as persoas que saben que este país perde se o BNG non está no Congreso e van aproveitar o 10N para acabar con tanto ninguneo e pasotimo con este país. Imos marcar a diferencia a favor do Barbanza e a favor de Galiza”, concluíu.

Plena capacidade para decidir

O candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, que o BNG é a única forza galega que concorrerá ás eleccións do 10N: “é o verdadeiro voto útil, -dixo-, xa que a estas alturas fica máis claro que nunca que  as forzas españolas esquecéronse totalmente de Galiza".

As eleccións serán así unha segunda oportunidade para termos "unha voz forte e libre que reclame plena capacidade para decidir sobre o noso, sobre os nosos recursos, sobre os nosos impostos e sobre o noso futuro, que reclame unha Galiza soberana", sinalou o candidato nacionalista. 

"Vainos a vida en que a Galiza reaccione  fronte a esta situación e se erga en defensa dos seus dereitos, fronte aos que nos espolian, aos que destrúen as nosas oportunidades de futuro, aos que nos negan como pobo", defendeu Rego, para quen a presenza do BNG en Madrid significará “unha voz sólida na defensa de investimentos; dos postos de traballo;  contra o desmantelamento industrial; a favor de salarios e pensións dignas; do dereito a pescar, a producir e a non ter que emigrar".

Mostrouse o candidato do BNG pola Coruña convencido de que, nestas eleccións, obterán representación no Congreso porque, segundo apuntou, "cada vez son máis as persoas que chegan á conclusión de que só unha forza netamente galega, nacionalista, sen ningún tipo de dependencia exterior, garante voz propia que defenda os intereses do pobo galego".

 

Ana Pontón pide confiar no BNG o 10N para que o Barbanza teña unha voz propia no Congreso que aporte solucións á comarca