XERAIS 2019

Ana Pontón pide en Compostela un último esforzo de mobilización para sumar todo o voto de país

Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

“O voto ao BNG vale dobre, da voz a Galiza e frea a dereita cavernícola e antigalega”, afirma a portavoz nacional do BNG

Nestor Rego pide o voto das persoas “decepcionadas” co discriminación das forzas políticas estatais

Ana Pontón pide en Compostela un último esforzo de mobilización para sumar todo o voto de país

O BNG arrancou o seu mitin en Santiago lembrando a revolución dos cravos e, caravel en man, a portavoz nacional, pediu o voto para o BNG este 28A porque é a opción real para conseguir que Galiza sexa decisiva no Estado, nun escenario sen maiorías absolutas onde canda voto conta e, ademais, é a opción para frear á dereita españolista á que lle pelexa escanos.

“O voto ao BNG vale dobre, porque da voz a Galiza e porque imos páralle os pés a esa dereita cavernícola, machista e antigalega ganándolle os escanos que lle disputamos a Vox e a Ciudadanos pola Coruña e Pontevedra, un premio extra se votamos como galegos e galegas enchendo as urnas de papeletas do BNG este domingo”, recalcou.

Santiago de CompostelaCoa referencia do 25 de abril, Pontón lembrou que a primeira vez que  Zeca Afonso cantou o Grándola foi no Burgo das nacións en 1972, nesta “terra da fraternidade” á que chegou fai vinte anos para quedarse, “a cidade das Marías, de Rosalía, de María Miramontes, de Anxel Casal, a cidade que cada 25 de Xullo enchemos para proclamar que somos unha nación, un pobo libre que ten dereito a falar de igual a igual con todos os pobos do mundo”, relatou.

Convencida da remontada imparable, -“desta vai, proclamou”-, pediu un último esforzo, petar en todas as portas para mobilizar a esas persoas que aínda non teñen decidido o voto.

“A todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, -sexan ou non nacionalistas, aquelas para as que non fomos primeira opción noutras eleccións pero que lles importa este país e queren darlle voz en Madrid-, dígolles que aquí teñen o proxecto solvente, unido e coa man tendida do BNG”.

compostelaAos que agora andan de campaña “facendo turismo electoral” co discurso do medo e coa cantinela do voto “útil”, Pontón lémbralles os catro anos de discriminación con Galiza das forzas estatais, “as vellas e as novas, da dereita e da esquerda”.

“Voto útil para quen? Que fixeron os 23 deputados e deputadas por Galiza nestes catro anos? En que melloraron as nosas vidas? Ana Pastor na presidenta do Congreso,  vetou a transferencia da AP-9 como lle ordenaba Raxoi, Pilar Cancela calada mentres o seu candidato Pedro Sánchez nos subía as peaxes dúas veces en oito meses, e o tándem Yolanda Díaz - Gómez Reino votando a favor dun recortazo de 750 millóns de euros os peores orzamentos do Estado para Galiza en 17 anos. Nisto consistía o rupturismo, en sumarse ao agravio?”, interpelou.

“Está claro que o voto útil para Galiza é o voto BNG, porque usaremos esa forza para facer que este país conte, que no Congreso se falen dos nosos problemas e das  solucións e, ademais, conseguiremos eses escanos que van deixar fora deste país á dereita españolista”, recalcou.

Momento excepcional

Santiago de Compostela Unha mensaxe na que tamén incidiu o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego: “Vivimos un contexto excepcional coa ameaza da involución democrática e sabemos que o BNG está a disputar directamente deputados con Vox e Cs” e, por iso, instou a sumar todo o voto de país candidatura do Bloque.

“É necesario concentrar todo o voto en chave galega e tamén todo o voto democrático e antifascista no BNG, para conseguirmos o obxectivo de dar voz a Galiza e de parar xa, aquí e agora, esa dereita carca e antigalega que quere que retrocedamos en dereitos e liberdades, que ataca a nosa lingua e nos nega como pobo. Non llo imos permitir”, recalcou.

Igualmente, Rego apelou “a todas as persoas decepcionadas coas forzas estatais que nos representaron até agora, decepcionadas co seu silencio en Madrid e por iso que dubidan mesmo se votar. Pedímoslles que votasen o que votasen no pasado, neste contexto, confíen en nós, confíen no BNG, porque non lles vai fallar”, asegurou.

Os deputados e deputadas do Bloque, concluíu Pontón, demostraran a partir do 28A que nun Congreso sen maiorías absolutas é posible conseguir o que as forzas estatais lle negaron a  Galiza estes anos como a transferencia da AP9, un marco enerxético estable que salve empregos en ALCOA e noutras empresas electrointensivas, os 188M€ que o Estado debe en dependencia, e aplicación da lei da memoria histórica tamén aquí.

No acto público de Santiago de Compostela tamén interviron o candidato ao Congreso,Suso de Toro, e a portavoz municipal e candidata á alcaldía da capital de Galiza, Goretti Sanmartín.