Ana Pontón pide un apoio rotundo para que o BNG lidere todos os concellos do Morrazo a partir do 26M

Pon Moaña e Bueu como exemplos do modelo municipal transformador do Bloque, capaz de mellorar a vida das persoas alí onde goberna

Miranda comprométese a seguir sendo a voz en defensa do sector pesqueiro de Galiza nas institucións europeas

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin en Moaña para resaltar o seu “orgullo” polo traballo que está facendo o BNG nos concellos do Morrazo, tanto desde a oposición como desde o goberno, onde a formación nacionalista conta con dous referentes, Leticia Santos e Félix Juncal, “unha alcaldesa e un alcalde que xogan na champións da política municipal”.

Moaña e Bueu son exemplos do modelo municipal de éxito do BNG, un modelo transformador que demostra a súa capacidade para mellorar a vida das persoas. 

“Onde gobernamos transformamos, construímos concellos con calidade de vida, exemplos de democracia participativa, capaces de sacarlle partido a cada euro, concellos feministas, sustentables, honestos e libres de corrupción. Onde gobernamos aplicamos políticas sociais, practicamos un urbanismo para as persoas, e fomentamos o orgullo polo noso, pola nosa lingua e a nosa cultura”, salientou Pontón.

De cara ao 26M, a líder nacionalista pediu encher as urnas coa papeleta do BNG para estender ese modelo e para sumar a Moaña e Bueu máis concellos liderados polo Bloque: “Hai que darlle máis forza ao BNG para seguir avanzando tamén nesta comarca”, na que salientou o papel das mulleres “as mariscadoras, as traballadoras da conserva, as viúvas do mar foron as precursoras da loita pola igualdade e foron as precursoras das mobilizacións do 8M que tanta esperanza nos dan”.

Despois de encher as rúas de feminismo, de loita pola igualdade e polos nosos dereitos, “queremos encher os concellos de alcaldesas como Leticia Santos, así que adiante tamén Mercedes en Cangas e Lucía en Marín, adiante coas mulleres nacionalistas, feministas e alcaldesas para construír concellos máis libres para todas, e para representar este tempo novo no que as mulleres deixamos claro que ni un paso atrás”, proclamou.

Pese á corrente de simpatía que non deixa de medrar cara o BNG, Pontón pediu mobilizarse “para impulsar a remontada e conseguir que vaia a máis”. “Temos que falar con todas as persoas, veciñanza, amizades, coa xente do noso entorno para explicarlle o modelo transformador do Bloque, explicarlle como os concellos nos que gobernamos se converten en referentes de calidade de vida.  Mobilicémonos e seremos imparables”, proclamou.

A portavoz nacional tamén fixo fincapé en que o resultado das municipais será decisivo para abrir un tempo novo en Galiza, que o Bloque quere liderar. “Os votos ao BNG este 26M terán tamén un valor enorme para, en poucos meses máis, darlle o finiquito a Feixóo no goberno da Xunta”.

Feixóo, tocado polo batacazo

Un Feixóo ao que lle augura un segundo batacazo o 26M tras o descalabro das eleccións xerais que o deixo, ironizou, “tocado”. “Anda como alma en pena, de mitin en mitin, pedindo de por favor que se concentre o voto da dereita do PP, disque que para  trasladar os concellos o modelo de rigor e de crecemento da Xunta”.

“O seu rigor foi triplicar a débeda mentres recortaba en sanidade e educación, o seu crecemento mandou a emigración a 200.000 mozos e mozas en dez anos de goberno. O único crecemento foi o da estafa das peaxes da AP9 e o da factura da luz. E nisto, como en tantas cousas con Galiza, PP e  PSOE practican a mesma discriminación”.

Acto MoañaNación pesqueira

No mitin en Moaña, a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, comprometeuse a volver ser a voz implacable en defensa dos sectores produtivos de Galiza en Bruxelas, como o sector pesqueiro e marisqueiro, de tanta importancia para unha “nación pesqueira” como a galega e para unha comarca como a do Morrazo.

Miranda salientou que redobrará esforzos para que Bruxelas escoite cales son os problemas deste país e buscarlles solucións, “pois moitas das decisións que se afectan directamente a xente do mar tómanse nas institucións comunitarias”. Un traballo político en defensa do país que só fixo o BNG: “somos unha forza eficaz e fiable na defendas dos intereses dos galegos e das galegas tamén na UE, fronte ao desleixo das forzas estatais” en calquera das súa franquías.

A candidata ás europeas batallará para construír outra Europa “social, solidaria e dos pobos”, fronte ao modelo actual “a favor do capital e dos estados” que pon a banca por riba das persoas, -como se constata co trato inhumano ás persoas refuxiadas e ás que se deixan morrer chamando as súas portas-. “O voto ao BNG o 26M servirá tamén para iso, para defender os intereses do noso país e para axudar a construír unha Europa que non nos avergoñe”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG