Ana Pontón pide un apoio masivo ao BNG de Barro para que Abraldes siga mellorando a vida da veciñanza

Presentación Barro
Presentación Barro

“Conseguimos facer de Barro un concello moi atractivo e queremos que seguir nesa dirección outros catro anos máis”, salientou o actual alcalde

Servizos públicos e equipamentos, promoción económica para crear emprego, dinamismo cultural e participación social, prioridades do candidato

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou o cambio iniciado fai catro anos no concello de Barro despois de que a veciñanza apostase polo proxecto do BNG da man do actual alcalde e candidato á reelección, Xosé Manuel Abraldes, dándolle a volta a un municipio que languidecía e lastrado por unha situación financeira calamitosa.

“Co cambio demostramos que podíamos construír un Barro diferente, deixar atrás un concello que esmorecía, cunha débeda disparada, no que o anterior rexedor pensaba que a veciñanza estaba para servilo a el e non ao revés. Nestes catro anos puxemos en marcha unha transformación que aposta por un concello aberto, dinámico, no que o máis importante é que as veciñas ou veciñas teñan mellores condicións de vida”, salientou a líder do BNG ante as máis de 350 persoas que acudiron á presentación da candidatura ás eleccións do 26M.

De cara á cita coas urnas, Pontón pediu un apoio reforzado para que Abraldes  continúe con máis forza o proxecto transformador que xa fixo de Barro un concello distinto e mellor.

“Un cambio que hai que reforzar nas próximas eleccións municipais dándolle un maior apoio a Xosé Manuel Abraldes, porque canto máis apoio ao BNG máis mellorarán os servizos públicos, máis transparencia haberá no concello e máis impulso a esa transformación social e económica que está vivindo este municipio”, recalcou. “Pídovos esa confianza partindo do aval do proxecto que empezou a andar hai catro anos e que é un proxecto colectivo que queremos construír en común con todos e todas”, concluíu.

Pola súa parte, o actual alcalde e candidato salientou que a equipa de goberno que lidera “rachou coa vella forma de facer política do PP” ao tempo que destacou algunhas das medidas e actuacións levadas a cabo neste mandado.

Entre elas, o significativo saneamento das arcas municipais pasando dunha débeda de 1,2 M€ a 500.000, o que non impediu ao Executivo local realizar importes investimentos como obras de saneamento, actuacións de fomento da compostaxe ou a adquisición dos terreos para a depuradora. “Xestionamos os recursos públicos dunha maneira eficiente, rebaixando case un 60% a débeda e ao mesmo tempo investimos case 2M€ en obras para mellorar a vida da xente”, resumía Abraldes.

Concello referente

O caciquismo de tempos pasados quedou atrás e hoxe Barro é “un referente” en canto a dinamismo e participación veciñal, mediante a realización de asembleas parroquiais e a colaboración coas distintas entidades do municipio. “O respecto polos veciños, o trato igualitario, a transparencia marcaron as liñas de goberno”, salientou.

Do mesmo xeito, a promoción cultural converteuse nun sinal de identidade do goberno nacionalista, de tal xeito que o concello deixou de ser un deserto cultural para converterse nunha vila cun gran dinamismo cultural, con programas de ocio de primeira calidade. “Seguir nesa dirección, para que a xente non teña que buscar actividades e eventos fora senón que os teña e os desfrute no seu propio concello”, indicou o candidato.

Seguir avanzado

 “Conseguimos facer un concello moi atractivo tanto para a xente que reside aquí como para outras persoas da contorna que apostan por vir a vivir con nós, e queremos que Barro siga así outros catro anos máis”, destacou Abraldes, quen tamén explicou as prioridades para despois do 26M.

“Temos que seguir mellorando os servizos atrasados pola ineficacia de 30 anos do PP, tamén avanzar en saneamento, auga pública, seguridade viaria, os accesos aos núcleos e máis equipamentos para o desfrute da veciñanza. Son os obxectivos que nos marcamos de aquí a catro anos no vindeiro mandato”, explicou. En definitiva, “seguir mellorando a vida da xente porque unha das cousas das que máis orgulloso me sinto é de que que os veciños e veciñas cada vez están máis contentas de vivir neste concello”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG