Ana Pontón pide ao Goberno central e Xunta que se deixen de liortas e insiste nunha fronte común para defender á frota galega en Bruxelas

Ana Pontón
Ana Pontón
“É un asunto de País frear un veto á pesca de fondo que nin ten en conta o impacto socioeconómico nin se sustenta en informes científicos”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclámalle a Goberno central e Goberno da Xunta que deixen de lado a estratexia partidista de botar balóns fora e culpabilizarse mutuamente pola decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo,  e reclama que se poñan a traballar a favor de Galiza, insistindo na proposta dunha fronte común para defender á frota galega en Bruxelas, que inclúa aos dous executivos, ás forzas políticas presentes no Hórreo e ao sector.

“É un problema de País porque o sector pesqueiro é estratéxico para a nosa economía e preocúpame que mentres hai centos de postos de traballo en xogo, goberno galego e central, PP-PSOE, están tirándose a pelota entre eles. O que lles pido é que abandonen unha liorta coa que queren eludir a responsabilidade que ambos teñen, porque é obvio que algo se fixo mal porque este veto no se fragua dun día para outro. Pero agora, o urxente é que traballemos todos e todas xuntas para pedir a retirada inmediata dese regulamento”, explicou.

Neste sentido, a líder do BNG reiterou a proposta dunha fronte común para defender a pesca galega e conseguir a retirada dunha normativa “arbitraria e inxusta, que nin ten en conta o impacto socieconómico, nin conta con informes científicos actualizados, hai que parar este veto a frota de fondo. Afecta miles de postos de traballo e vai retirar do mercado toneladas de peixe, encarecendo aínda máis un alimento básico na cesta da compra das familias”, advertiu. Pontón demanda do Goberno do Estado que presente canto antes o recurso contra a normativa aprobada pola Comisión Europea.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG