XERAIS 2019

Ana Pontón pide que o 10N o “cabreo” se transforme na oportunidade de darlle voz propia a Galiza

Candidatura Xerais
Candidatura Xerais

Convencida de que o BNG volverá ao Congreso: “Imos traballar duro pola xente deste país”, proclama na presentación [email protected] cabezas de candidatura

Coloca ao Bloque como a única forza “coas mans libres” para defender o país e a única garantía contra a discriminación das forzas estatais

Lideran as candidaturas Nestor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra)

Ana Pontón pide que o 10N o “cabreo” se transforme na oportunidade de darlle voz propia a Galiza
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación das persoas que lideran as candidaturas do BNG para pedirlle os galegos e as galegas que convertan o seu lexítimo descontento co show  das forzas estatais nunha oportunidade: a de conseguir que Galiza teña voz propia no Congreso da man do BNG.

“A alternativa para todas as persoas descontentas co espectáculo destes meses é o BNG, unha forza útil para defender o país”, salientou Pontón, “a opción non é quedar na casa senón facer algo diferente e transformar o cabreo nunha oportunidade para que Galiza teña voz propia en defensa dos nosos intereses e, para iso, a ferramenta política é o BNG, con proxecto serio e persoas solventes dispostas a facer política pensando neste país”.

Porque o 10N, argumentou, “non vai do futuro político de Sánchez nin de  Casado, non vai de duelos ou rancores entre as diferentes forzas políticas estatais. O 10N vai do futuro deste país, do noso sector industrial con miles de empregos en risco, vai da nosa xente moza emigrada ou sen traballo, vai da precariedade laboral, vai de ter as pensións máis baixas, vai dos 200M€ que o Estado nos debe en dependencia, vai da débeda histórica en infraestruturas, vai da estafa das peaxes da AP9”.

E ante a “inutilidade” e a “discriminación” das forzas estatais, o Bloque “é única garantía de que todos eses temas van formar parte da axenda do Estado, porque só o BNG ten as mans libres para defender os intereses de Galiza, ese é o noso compromiso: ir ao Congreso a defender os intereses de Galiza é a traballar duro pola xente deste país”, proclamou.

“Se queremos resultados diferentes temos que facer algo diferente”, subliñou, “temos que facernos valer, como fan vascos, cataláns, canarias, valencianas e mesmo Cantabria, todos defenden os seus intereses porque teñen forzas políticas propias no  Congreso. Está demostrado que só hai unha forza libre para dar a cara polos galegos e polas galegas: o BNG”, destacou Pontón,  convencida de que o 10N o Bloque obterá esa representación.

“Fai seis meses tivémolo ao alcance da man, na punta dos dedos. Este 10N é a segunda volta para conseguir ter voz propia, e hoxe son  moitos máis os galegos e as galegas que teñen claro que sen o BNG no Congreso, Galiza perde, hoxe teñen claro que a sen o Bloque no Congreso, Galiza está desaparecida. Iso é o que hai que cambiar o 10N”, recalcou.

Pontón fixo referencia ao moito que se parecen a vella e a nova política cando se trata de discriminar os galegos e galegas. Xunto o habitual desleixo polos problemas do país de PP-PSOE, lembrou o apoio de Podemos os peores orzamentos do Estado para Galiza, e tamén chamou a atención sobre a permanencia das contrarreformas laborais, a Lei Mordaza ou a LOMCE.

Emerxencia social e nacional

Na súa intervención, Nestor Rego destacou a situación de “emerxencia social e nacional” do país, e comprometeuse a ser “a voz da Galiza que non se resigna”, que sabe hai outro futuro se é posible exercer “o dereito a decidir de maneira soberana sobre os nosos asuntos”. Todas as persoas que queren mudar a situación de discriminación e ninguneo “contan coa voz libre do BNG que nunca lle fallou”, declarou.

Olalla Rodil subliñou o seu compromiso por trasladar ao Congreso as demandas dos colectivos sociais e do momento feminista, fronte os incumprimentos das forzas estatais, e tamén destacou que dará visibilidade ás demandas da mocidade galega.

Francisco García fixo fincapé nos problemas de envellecemento da poboación e do abandono da Galiza do interior ante a indiferenza dun PP e dun PSOE que se intercambian os papeis en función de quen se sente na Moncloa. “Temos a oportunidade de cambiar esa dinámica”, indicou, “cun cabreo activo e construtivo a favor de Galiza” o 10N.

Carme da Silva puxo a Pontevedra como exemplo do que este país é capaz “desde a confianza”. “Sabemos facer as cousas doutra maneira e non é casualidade que Pontevedra sexa un referente de cidade no mundo”, indicou, “así é como podemos construír un futuro, desde a confianza na nosa capacidade como país”.