Ana Pontón: “Os orzamentos do PP son unha fraude sustentada en mentiras e son insolidarios porque inclúen un pelotazo fiscal”

Ana Pontón e Olalla Rodil
Ana Pontón e Olalla Rodil

Son unhas contas que debilitan a Galiza en plena crise de prezos, que regalan 34 M€ a unha minoría e negan a tarxeta básica a 50.000 familias

Descontando a inflación, hai menos investimento en atención primaria e educación. “É fácil entender que mil euros de hoxe non son os de 2009”

O Goberno de Rueda prevé un aumento do PIB do 1,7%, cando o informe do BBVA di que o incremento será cero, o peor dato de todas as CCAA

A portavoz nacional, Ana Pontón, valorou o proxecto de orzamentos que o Goberno do PP enviou hoxe ao Parlamento, definindo as contas públicas de 2023 como "unha fraude aos galegos e as galegas porque están baseados en mentiras e son insolidarios porque inclúen un pelotazo fiscal polo que lle regala 34 millóns de euros aos máis ricos en plena crise de prezos”.

Pontón afirma que os orzamentos son unha fraude porque as previsións están sustentadas en datos que son mentira.

A primeira mentira está na cifra do 1,7% de incremento de PIB anunciado polo Goberno de Rueda o mesmo día que en o BBVA publicaba un informe que reducía ese incremento a cero, “o peor dato de todas as comunidades autónomas”, recalcou. Non é a única falsidade, porque se ben o propio Executivo presume de que as contas están avaladas pola AIREF, este organismo prevé unha subida do PIB do 0,6%, tres veces menos do que asegura o PP.

Ana Pontón e Olalla Rodil
Ana Pontón e Olalla Rodil

A segunda mentira está na previsión de emprego porque mentres o Partido Popular anuncia nos orzamentos que subirá un 0,7%, o BBVA di que Galiza perderá emprego, cunha evolución negativa do -0,3%. “E presume de que a taxa de paro será do 10%, sen mencionar o desastre demográfico e a emigración, non medra o emprego, cae a poboación activa o que lle permite ao PP branquear a taxa de paro”, denuncia.

A terceira mentira do PP está na afirmación de que son uns orzamentos “históricos”, cando descontando a inflación os presupostos de 2023 son máis baixos que os que había en 2009. Minte tamén pretendendo minimizar o dato de débeda pública, cando só a partida destinada a pagar os xuros medra un 48,8%, en cifras absolutas, a débeda aumenta en 410 M€. “Hai un dato moi elocuente, en 2008 a débeda equivalía ao 6,8% do PIB, hoxe representa o 18,4% de toda a riqueza do País”, explicou a líder do Bloque.

Unha mentira non deixa de ser unha mentira, por moito que o PP a converta nun slogan

O Goberno de Rueda tamén mente cando na documentación da presentación dos orzamentos proclama “impostos cero no rural”, cando evidentemente a veciñanza do rural paga impostos como calquera, “unha mentira non deixa de ser unha mentira, por moito que o PP a converta nun slogan”, denunciou. Tamén é falso o dato de que os orzamentos aumentan un 24,3% no que vai da lexislatura, como se recolle na documentación da presentación feita por Rueda, cando o incremento non chega ao 4%.

Igualmente, o Executivo popular mente cando asegura que os orzamentos teñen un investimento récord en atención primaria, porque descontada a inflación hai 321 M€ menos que en 2009, “e quero recordarlle ao PP que hai 13 anos non había listas de espera de até 15 días para ir aos centros de saúde”, salientou Pontón. A mesma mentira se pretende impoñer afirmando que son os presupostos que máis invisten en educación, se descontamos o efecto da inflación, en 2023 Galiza contará con 281 millóns de euros menos que hai trece anos. “É fácil de entender que non é o mesmo mil euros hoxe que en 2009”, alegou.

Polo tanto, “os orzamentos de 2023 son unha fraude baseada en mentiras, -recalcou-, pero que é que tamén son insolidarios porque non recuperan a tarxeta básica para as familias pero recollen baixadas de impostos que benefician máis a quen máis ten, cun pelotazo fiscal que supón un agasallo 34 millóns de euros a 7.700 millonarios”.

Pontón púxolle datos a esa insolidariedade: as persoas con ingresos de 12.500 €, aforran 50 € ao ano; ás que ingresan 60.000 € aforran 500€ e as privilexiadas que dispoñen dun patrimonio superior a un millón de euros, aforran de media 4.415€ ao ano.

Folla de ruta

“As prioridades do PP nestes orzamentos están claras, mentres regala 34 millóns de euros ás persoas con máis patrimonio de Galiza, deixa sen tarxeta básica a 50.000 familias, e destina menos de 34 M€ ao bono social térmico, a medidas de aforro enerxético ás familias ou a reforzar á axuda no fogar”, explicou.

En definitiva, concluíu Pontón, “se os orzamentos son a folla de ruta dun goberno, estas contas mostran un Goberno do PP que en vez de dar fortaleza, fai a Galiza máis débil fronte a crise; que en vez de estar do lado da xente do común, gobernan para unha minoría. Son unha contas cos pes de barro, porque están feitas sobre unha previsión de crecemento do PIB, da riqueza do País, irreal, e o Goberno do Partido Popular sabe que está enganando á cidadanía”.

O BNG avanza unha emenda á totalidade porque “non son as contas que precisa Galiza, nin as familias, nin a clase traballadora, nin as persoas autónomas, nin as pequenas e medianas empresas deste País”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG