Ana Pontón ofrece uns orzamentos para axudar a maioría e reforzar a sanidade, fronte as contas insolidarias e insolventes do PP

Ana Pontón
Ana Pontón

Propón elevar impostos ás eléctricas e catro prioridades: apoiar á quen máis sofre a crise, servizos públicos, tecido produtivo e cambio climático

Mostra un litro de aceite e de leite no estrado para recalcar que o custe da vida “é o que quita o sono á xente do común que non chega a fin de mes”

Acusa ao Goberno do PP de “estar secuestrado por Génova” e de facer política “cutre” co único obxectivo de sacar réditos electorais da crise 

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a alternativa do BNG aos orzamentos “insolidarios e insolventes” do Goberno do PP, cunha dobre proposta: reorientar o gasto de 1.764 millóns de euros e aplicar unha política fiscal valente, na que paguen máis que máis ten.

A líder nacionalista denunciou que as contas públicas de 2023 son o reflexo dun Partido Popular “burocrático, rutineiro, sen proxecto de futuro e, o máis grave de todo, dun PP sen corazón ao que nada lle importa o sufrimento das persoas que o están pasando moi mal nesta crise de prezos”. “Saben, señorías do PP, canto subiu unha botella de aceite no último ano? Un 28% Saben canto subiu un litro de leite? Un 25,3%”, destacou Pontón mostrando desde o atril un botella de ambos produtos básicos na cesta da compra.

“Aí fora, señorías do PP, hai miles de galegos e de galegas angustiadas, que traballan moi duro pero que non chegan a fin de mes. Facer a cesta da compra, pagar a luz, encher o depósito de gasolina, afrontar gastos básicos é o que lle quita o sono a milleiros de persoas. Temos pensións e salarios por debaixo da media e o PP propón un pacto de rendas para que paguen a crise os e as de sempre, vaia estafa!”, criticou.

Fronte a un PP que goberna para unha minoría, o BNG presenta unha alternativa orzamentaria para a maioría. Empezando por unha política fiscal na que paguen máis quen máis ten, como as eléctricas que se están forrando coa crise.

Pontón contrapuxo ambos modelos, o do Partido Popular do pelotazo fiscal de 34 M€ ás 7.700 millonarios, co dun BNG que reduce a 300.000 euros o mínimo exento do imposto de patrimonio, descontando o valor catastral da vivenda habitual. Fronte a un PP que lle baixa máis os impostos as rendas altas, mentres recorta en sanidade e triplica a débeda, o Bloque, aumentarlle os impostos ás eléctricas, “espremendo as escasas competencias que temos”, e ás rendas altas, ás grandes superficies comerciais e aos grandes tenedores de vivenda.

Estamos falando dunha política fiscal progresiva, valente e xusta, de que pague máis quen máis ten

“Estamos falando dunha política fiscal progresiva, valente e xusta, de que pague máis quen máis ten, e de actuar sobre os beneficios multimillonarios das eléctricas que se forran cun ben básico que, por riba, se produce usando a riqueza natural de Galiza”, destacou.

A segunda parte da alternativa nacionalista é reorientar o gasto de 1.764 millóns de euros en base a catro grandes prioridades: axudar a quen máis o precisa nesta crise; reforzar os servizos públicos e as políticas de igualdade, apoio ao tecido económico e novo modelo produtivo e, finalmente, afrontar os retos da emerxencia climática.

Mil € adicionais para as pensións máis baixas

Entre as propostas do Bloque para axudar a quen ten máis dificultades, recuperar a tarxeta básica para a compra de alimentos e medicinas; subir mil euros ao ano o complemento galego das pensión non contributivas, “fronte aos míseros 14€ que propón o PP”. Igualmente, unha renda galega de inserción laboral, universalizar os comedores escolares, -“sabendo que sería unha gran axuda para moitos nenos e nenas están mal alimentados nos seus fogares”-, un bono familiar de loita contra a pobreza na infancia e na adolescencia e unha tarxeta plana intermodal de transporte.

A segunda prioridade do BNG é usar os orzamentos para por reforzar os servizos públicos e as políticas sociais, cun plan de rescate de atención primaria de 200 millóns de euros, incorporar novos servizos nos centros de saúde (50 M€), un plan para eliminar as listas de agarda (149 M€), un Plan urxente de atención á saúde mental e a prevención do suicidio (21M€).

Residencias públicas

En materia social, un novo modelo de residencias 100% público reservando  90 M€. “Como é posible que, despois de todo o que se viviu na pandemia, sigan regando con cen millóns de euros o sector privado das residencias que fai negocio coas persoas maiores? Son un PP sen corazón!”, recalcou.

No ámbito educativo, a alternativa do BNG pasa por un plan para reforzar profesorado e recuperar horario lectivo con 50 millóns de euros, e en materia de igualdade, un Plan contra a violencia machista dotado de 115 millóns de euros e 75 M€ para axudas ao aluguer de vivenda.

En relación aos sectores produtivos, terceira prioridade,  a proposta estrela é un Plan galego pola ciencia dotado con 300 M€, “porque a Galiza do futuro pasa polo coñecemento, pola innovación e pola investigación”; fomentar a actividade tecnolóxica (50 M€) e dez millóns para desenvolver unha estratexia da bioeconomía. Igualmente, apoiar ás PEMES con dez millóns en axudas directas e 25 M€ para revitalizar os sectores culturais, “porque a cultura tamén é economía”.

Finalmente, a cuarta prioridade é combater a emerxencia climática, o que pasa por un rural vivo cun Plan de impulso dun monte vivo e multifuncional (25 M€), recuperar superficie agraria útil (30 M€), loita contra a contaminación con 70 M€ para recuperación integral das rías galegas e 15 M€ para un novo lo enerxético fronte ao cambio climático.

Pontón tamén foi moi crítica coa insolvencia duns orzamentos baseados en datos falsos xa desmontados polos expertos, tanto no que se refire ao medre do PIB, taxa de paro ou crecemento do emprego. Ao que se suma, o feito de que o PP triplicara a débeda pública, pese aos recortes en sanidade, educación ou servizos sociais.

“A súa estratexia é unha estratexia que está secuestrada polos intereses de Madrid, do seu xefe de filas, porque cren que canto peor, mellor para os seus intereses electorais. Sacar réditos electorais dunha crise económica na que hai unha maioría que o está pasando mal. E utilizan este goberno non para darlle solucións á xente senón única e exclusivamente para facer política partidista da máis cutre que hai.

“Abandonen a manipulación dos datos, as previsión falsas e a soberbia de pensar que teñen a verdade absoluta, saben que estes orzamentos non son os que precisa Galiza ante a maior crise de prezos dos últimos corenta anos, pero se persisten en mantelos, teñan a humildade de escoitar as propostas que lles ofrece o BNG para melloralos”, concluíu Pontón.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG