Municipais 2023

Ana Pontón ofrece un BNG con proxecto, entusiasmo e optimismo para construír unha Galiza mellor desde os concellos

Encontro nacional municipal
Encontro nacional municipal

“Somos o dream team da política municipal e o 28M saímos a gañar, con humildade pero coa máxima ambición”, proclama no encontro municipal

Pon como aval o gobernos de éxito do BNG, exemplos de como facer avanzar unha cidade, vila ou un concello rural a ritmo rápido e en positivo

Construímos un modelo propio e xenuíno que hoxe é referente, destacou

 

O BNG celebrou un multitudinario encontro nacional municipal que congregou en Santiago aos candidatos e candidatas ás eleccións do 28 de maio, cargos políticos e militancia. Nun ateigado Pazo de congresos e exposicións, a portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou que o BNG é un gran equipo é que concorre á cita coas urnas sen poñerse límites.

“Sei que a política municipal non é fútbol, pero se o fora, o BNG ten o dream team da política municipal, por iso imos a por todas, saímos a gañar, con humildade pero coa máxima ambición!”, proclamou, convencida de que o aval que representa o modelo municipal de éxito do Bloque, sumado ao feito de ter os “mellores candidatos e candidatas”, dará á forza nacionalista un resultado “histórico” o 28M.

“Porque o BNG ten proxecto e representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega; porque representa as solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade e porque os concellos onde gobernamos son o mellor exemplo de como construír vilas e cidades con futuro”, argumentou Pontón, quen afondou no modelo municipal da súa formación.

“Os gobernos BNG son exemplo de como transformar a realidade desde un concello, conseguindo metas case impensábeis e superando barreiras que parecían infranqueábeis; son exemplo de como facer avanzar unha cidade, unha vila ou un concello rural a un ritmo rápido e positivo; exemplo de como derrubar eses lugares comúns que limitaban o noso potencial e son exemplo do importante que é pensar en grande”, recalcou.

Neste sentido, a portavoz nacional contrapuxo esa visión “en grande” dos gobernos nacionalistas con aquelas forzas ancoradas na ladaíña do “non se pode, do non hai nada que facer”, dunha dereita “acomplexada” e dunha esquerda “cegada” por Madrid. “Os gobernos do BNG nunca puxeron límites aos seus soños e foron quen de facelos realidade”, subliñou, “por iso os concellos que lideramos construíron un modelo propio e xenuíno que hoxe é referente”.

Pontón, que tamén puxo en valor o traballo que os concelleiros e concelleiras nacionalista fan desde a oposición, “con rigor, solvencia e sempre pensando no mellor para a veciñanza”, destacou a transparencia e a eficacia coa que xestiona o Bloque.

“Son gobernos coas idea claras, valentes, que poñen ás persoas no centro, que xestionan ben cada euro, radicalmente democráticos porque todos os veciños e veciñas son tratadas por igual”, subliñou. Esta maneira de facer ten como base o “amor e a confianza” en Galiza e na cidadanía do País, “suamos a camiseta e facemos que os concellos se transformen e avancen e aí están os feitos”.

IMG_20230326_130154
IMG_20230326_130154

Pensar os concellos en grande

Pontón convidou a todos os candidatos e candidatas “a pensar os concellos en grande”, con propostas en positivo, con determinación, con ilusión e coa man tendida. Así, destacou, “conseguiremos avanzar, avanzar e avanzar”. A portavoz nacional concluíu a súa intervención como empezou, instando a ir a por todas, “a saír a ganar, con toda a humildade pero coa máxima ambición por que o noso obxectivo é construír unha nova Galiza concello a concello”.

Convencida, proclamou no encontro municipal, que “nas rúas, nas prazas, nas empresas hai unha enorme ilusión e esperanza en torno ao BNG, porque se quere outra forma de facer política e, fronte aos de sempre, é o momento de darlle unha oportunidade a un BNG que te proxecto e representa o empuxe e o optimismo que Galiza necesita”.

A portavoz nacional, Ana Pontón, pechou un encontro que estivo conducido pola escritora Charo Lopes e que contou coas intervencións das persoas que optan a Alcaldía das grandes cidades: Francisco Jorquera (A Coruña); Rubén Arroxo (Lugo), Luís Seara (Ourense), Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Goretti Sanmartín (Santiago), Iván Rivas (Ferrol), Xabier Pérez Igrexas (Vigo).

Tamén pasaron polo atril unha representación de candidatos e candidatas nas catro provincias, como a cabeza de lista en Tomiño, Sandra González; a de Barreiro, Patricia Ermida; a de Allariz, Cristina Cid; a de Moaña, Leticia Santos, todas elas xa alcaldesas, así como a candidata á Alcaldía da Rúa, María Albert.

IMG_20230326_131716
IMG_20230326_131716

Crise e espolio eólico

Aínda que cun discurso centrado no proxecto municipal, a portavoz nacional non eludiu o contexto de crise de prezos no que se desenvolve a precampaña do 28M, así como as amezas dun boom eólico depredador na terra, e agora tamén no mar, ou o que implica para a cidadanía os recortes nos servizos públicos do PP, en particular na sanidade.

“Galiza ten riqueza e talento pero quedamos atrás porque parte desa riqueza é absorbida pola aspiradora madridcentrista; porque o Goberno do Estado, antes e agora, non cumpre con Galiza, porque temos un Executivo do PP que parece polo sen cabeza ao servizo da estratexia electoral de Feijóo”, criticou. Pontón advertiu que nesta crise volven repetirse os erros de 2008.

“Esta crise é unha estafa onde uns poucos gañan e a maioría perde e entre os ganadores, o lobby eléctrico, que goberne o PP ou o PSOE, sempre ten unha cadeira reservada no Consello de ministros e ministras”, agora para favorecer o espolio eólico. “Basta de poñerlle a etiqueta verde ao espolio de toda a vida, de chamarlle progreso á destrución do medio ambiente e da biodiversidade, de poñer a cobiza das eléctricas por riba dos e das galegas e basta de discriminar a Galiza para favorecer a Madrid”, reclamou.

Para disimular o espolio, indicou, anúncianse miles de postos de traballo. A realidade é que co Goberno do PP Galiza perdeu 20.700 empregos no sector industrial e que Madrid, con cero eólicos, ganou 13.600 novos empregos na industria. “O BNG está a favor da transición enerxética, pero xusta e democrática e ao servizo de Galiza”, alegou.

Pontón falou dun novo paradigma no enerxético, pero tamén nos coidados, no que a peza clave está en ter servizos públicos fortes, “porque o que está en xogo é a saúde e a vida das persoas”, destacou, poñendo como dato o burato de 2.339 M€ que deixa o PP en atención primaria. Un novo paradigma que tamén pasa polo feminismo, “esperanza para construír un mundo mellor”, recalcou, tras reivindicar o papel de todas as mulleres que romperon moldes e que manteñen en pé o País.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG