Ana Pontón ofrece o BNG como garantía de cambio real fronte o vello bipartidismo e ao fiasco “rupturista”

Acto Cambados
Acto Cambados

“Para todas as persoas que queren un cambio real nos concellos, a súa opción o 26M é o BNG”, proclama en Cambados

Miranda comprométese a seguir facendo da defensa do sector pesqueiro e marisqueiro un cabalo de batalla do traballo do BNG na Eurocámara

Ana Pontón ofrece o BNG como garantía de cambio real fronte o vello bipartidismo e ao fiasco “rupturista”

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin de Cambados para pedir o voto para o BNG o 26M a todas as persoas que queren un cambio real nos concellos, porque demostrou ser a única forza que ten un proxecto transformador capaz de mellorar a vida da veciñanza.

“Somos a garantía de cambio real nos concellos e todas as persoas que queren un cambio transformador ten no BNG é a súa opción. Non deben resignarse a escoller entre o bipartidismo de sempre, -que nos ofrecen máis do mesmo-, ou os rupturistas que fai catro anos prometeron cambialo todo pero que nin sequera foron capaces de xestionar as cousas do cada día. O cambio real ven da man do BNG, e demostramos onde gobernamos que outra Galiza é posible”, declarou.

A líder nacionalista explicou que o Bloque “constrúe país a través dos concellos cun modelo municipal de éxito” que transforma en positivo vilas e cidades a favor da veciñanza.  Baixo gobernos nacionalistas “os concellos avanzan, son exemplo de boa xestión, libres de corruptelas, con democracia participativa, son concellos feministas, sustentables, orgullosos da nosa cultura e da nosa lingua, concellos con dinamismo económico, cultura, e social”.

Para estender ese modelo por Galiza pediu encher as urnas de votos ao BNG, tamén en Cambados onde reclamou un apoio rotundo para que o candidato Víctor  Caamaño lidere o próximo goberno municipal.

Acto Cambados“Demostrou ser o verdadeiro motor no goberno municipal abrindo un tempo novo tras 28 anos de desgoberno do PP, un tempo novo libre de amiguismos e de corrupción no que se construíu un concello aberto, transparente”. Con ese aval, pediu o voto para a candidatura nacionalista.

“Está encabezada por unha persoa capaz, honesta, traballadora con proxecto para esta concello, e sería sen dúbida o mellor alcalde para Cambados”, subliñou. Tras estes catro anos “sae un BNG máis fortalecido, con máis experiencia e capacidade e, polo tanto, estamos en disposición de dar un salto adiante para liderar o goberno municipal de Cambados da man de Vítor Camaño e aplicar  o proxecto do Bloque con todo o seu potencial”, concluíu.

No mitin tamén participou a eurodeputada e candidata ás eleccións europeas do 26M, Ana Miranda, quen no corazón da Ría máis rica de Galiza comprometeuse a seguir facendo da defensa do sector pesqueiro un eixo do seu traballo político en Bruxelas.

Se hai un sector produtivo que se deixou ouvir en Bruxelas grazas a voz do BNG, ese foi o pesqueiro e marisqueiro “e queremos que siga sendo así”, proclamou. De feito, este sector clave para o país “tivo presenza directa nas institucións comunitarias da man do BNG, tanto durante as negociacións da PPC como do FEMP”.

Redeiras, mariscadoras, conserveiras

“Defendemos os intereses da pesca artesanal, cunha problemática moi diferente a da frota industrial, levamos á Eurocámara as demandas das mulleres do mar, mariscadoras, redeiras, traballadoras da conserva e tamén as reclamación do resto de mulleres que traballan en toda a cadea pesqueira”, explicou.

Miranda salientou as propostas presentadas no Parlamento Europeo “para que os fondos de pesca se destinen exclusivamente ao sector, e iniciativas para axudas os e as traballadoras do mar ante paradas da produción por mal tempo, vedas, toxinas ou mareas que lles impida faenar ou mariscar, como garantía de mantemento de rendas”.

“Un intenso traballo na Eurocámara, con éxitos como a supervivencia da frota do xeito, evitando que se lle aplicara a normativa das redes de arrastre  coas que non ten nada a ver. “E se tivésemos que levar as redes do xeito de nova a Bruxelas, ninguén dubide que o faremos”, concluíu.