Ana Pontón: “Os novos superdelegados e superdelegadas nomeados por Feixóo responden a intereses do PP e non ás necesidades do país”

Ana Pontón
Ana Pontón
Advirte que a Consellería de Educación da cifras “infladas” de profesorado para agochar o problema de falta de persoal e medios no inicio de curso
Ana Pontón: “Os novos superdelegados e superdelegadas nomeados por Feixóo responden a intereses do PP e non ás necesidades do país”

A portavoz nacional, Ana Pontón, valorou os recentes nomeamentos do presidente da Xunta con caras novas en todas as delegacións provinciais. En resposta aos medios nun almorzo informativo na Coruña, co portavoz municipal, Francisco Jorquera, e coa deputada por esta circunscrición, Mercedes Queixas, indicou que están pensados en clave de partido e non en clave de país.

“Detrás dos cambios das delegacións do goberno están os intereses do PP, está moi claro que os denominados superdelegados e superdelegadas non cumpren unha función institucional senón política ao servizo do PP”, denunciou, tras salientar que o importante do nomeamentos non son as persoas senón as políticas que se aplican, “por iso, o que temos que ver é cales son os cambios en materia económica, industrial, sanitaria ou educativa, porque se mudan as caras pero seguen os mesmos recortes e privatizacións de nada vale”.

Neste sentido, Pontón vai máis aló e advirte dunha posible “volta de torca” en materia sanitaria ou educativa, pasando do presencial ao telemático. “Se o futuro vai ser a telemediciña, en lugar de mellorar, empeoraremos e o Goberno do PP ten que facer unha lectura acaida das necesidades sanitarias, educativas e sociais do momento pero non son moi optimista porque acabamos de ver co inicio de curso onde, de novo, o Executivo de Feixóo quere tapar os feitos con propaganda dando datos inflados de profesorado para non asumir o problema de fondo que é a necesidade de máis persoal docente e de máis recursos e reducir ratios para ter un curso seguro”.

Os bandazos constantes da Consellería de Educación provocou que moitos centros fixeran obras e por tanto, gastos, “que agora non lle valen para nada”, denuncia, ao tempo que pregunta en que está gastando a Xunta os 84 millóns de euros extra que viñeron do Estado, “que nos parecen insuficientes, pero que tampouco sabemos en que se gastaron”. Polo tanto, insiste Pontón, “de nada vale o cambio de caras senón vai acompañado dun xiro nas políticas”.

 

Ana Pontón: “Os novos superdelegados e superdelegadas nomeados por Feixóo responden a intereses do PP e non ás necesidades do país”