Ana Pontón: “O novo rifi-rafe de PP e PSOE a conta das Pontes demostra que toman este país a pitorreo”

Ana Pontón
Ana Pontón
A portavoz nacional afirma que "temos que defender o noso ante o Estado"

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou hoxe nun acto en Ourense que a estéril confrontación PP-PSOE a cargo do AVE e da situación da planta de ENDESA e das electrointenivas demostra que as forzas estatais “non teñen solucións para o país”, situación que debe mudar tras o 10N.

“Lonxe de ser parte da solución son parte do problema, usan Galiza no seu pim-pam-pum electoral pero sen defender un futuro para este país, ao que toman a pitorreo e iso vese no AVE e na crise das empresas electrointensivas”, denunciou. Por iso, salientou,  “temos que empezar a defender o noso e iso pasa por facernos valer como país e por ter unha voz propia no Congreso a partir do 10N” que poña freo á discriminación do bipartidismo.

Nun acto na cidade das Burgas, -precisamente en defensa dun transporte por tren para esta cidade, moderno e competitivo-, Pontón lembrou que mentres outros territorios levan 25 anos de AVE “aquí o que temos son 25 anos de mentiras con executivos do PP e do PSOE e cada vez que hai un cambio no goberno central máis se alonxa a chegada da alta velocidade”, criticou, ao tempo que ironizaba coa posición do presidente da Xunta.

“Mágoa que Feixóo, que agora se pon tan rufo con este tema, non esixira o cumprimento dos prazos nos anos de Goberno do PP e fose cómplice de todos os retrasos de Raxoi”. E fronte os incumprimentos do bipartidismo, “o BNG é a garantía de que imos poñer as infraestruturas ferroviarias igual que no resto do Estado para deixar de ser cidadáns de segunda”.

Idéntico agravio das forzas estatais no caso da crise de ENDESA ou do conxunto das empresas electrointensivas. “É  moi chamativa a caradura do PP e do señor Feixóo que ante esta crise pretende poñerse de perfil en campaña electoral e dicir que non ten ningunha responsabilidade, porque nese caso é un presidente inútil para Galiza que non gana o salario que cobra. Está escorrendo o vulto das súas responsabilidades”, salientou poñendo de manifesto tanto a responsabilidade da Xunta como do Goberno central no feito de que haxa 6.000 empregos en xogo no sector industrial.

“A Xunta sabía que ía haber un proceso de transición enerxética e non puxo en marcha ningún plan de futuro e, por contra, vetou a proposta dunha tarifa eléctrica galega que permitiría abaratar a factura e luz a empresas e familias. Non se pode confiar nun PSOE que xa nos mentiu cando dixo que ía aprobar o estatuto das electrointensivas en abril nin nun PP autor da normativa que leva a esta situación”, explicou a líder nacionalista.

Fronte á discriminación das forzas estatais, “hai que facerse valer como país en Madrid e optar por ter unha voz propia no Congreso a partir do 10N, onde o BNG vai reclamar unha tarifa eléctrica galega e un estatuto específica para as empresas electrointensivas,  porque é unha estafa colectiva que se podan perder emprego polos custes enerxéticos nun país que produce electricidade a esgalla. Ese é o compromiso do Bloque”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG