Galegas 2016

Ana Pontón na apertura de campaña: “O BNG é a candidatura das persoas que confían en Galiza”

Inicio de campaña na Coruña
Inicio de campaña na Coruña
  • “O 25S teremos un goberno coa coraxe de dicirlles non a Madrid e a Bruxelas cando queiran colocar o déficit por riba das persoas”, proclama
  • Pide o apoio ao BNG como garantía para abrir un tempo novo e construír un país no que vivir e traballar con dignidade

A Coruña, 8 de Setembro 2016.- A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, abriu a campaña na Coruña proclamando o inicio da conta atrás para abrir un tempo novo a partir do 25S e construír unha Galiza na que vivir e traballar con dignidade. Para iso, non chega con mudar as caras, é preciso ter confianza no país e exercer o poder político que permita facer un cambio real, no que o papel do BNG será decisivo.

“O BNG é a candidatura de todas as persoas que confían neste país e vai ser clave para empezar ese tempo novo, para que podamos construír unha Galiza de emprego e benestar social. Porque derrotar a Feijóo non chega, non basta con cambiar as caras. Temos que facer algo tan revolucionario como confiar nas nosas propias forzas, como país e como pobo, decidir desde aquí e desde nós o que máis nos convén para poñer o país a producir, xerar emprego e garantir o benestar social”, argumentou a candidata.

Pontón instou a toda a militancia, simpatizantes, candidatos e candidatas a facer unha campaña en positivo e de proximidade, cara a cara, porta a porta, “porque temos un proxecto de país, sólido, coherente, fiable, coa vantaxe de contar co aval da experiencia e de gobernos municipais que son un exemplo de cambio real e de capacidade para mellorar a vida das persoas”, explicou.

A candidata salientou que hai unha maioría que ve no BNG a garantía de que o cambio non se quedará nunha mera mudanza cosmética. “Sabemos que hai moitos galegos e galegas que miran cara o BNG porque queren unha forza política seria, coherente, que teña a súa cabeza e o seu corazón aquí”.

Pontón instou a aproveitar a oportunidade do 25S para pasar a páxina de sete anos de políticas de recortes que deixan unha Galiza máis desigual e máis pobre, e pasar esa páxina desde unha alternativa propia que aposte por exercer todo o poder político e pola xestión da totalidade dos recursos financeiros do país.

“O 25S temos a oportunidade de darnos un goberno cun proxecto de país para a maioría social, un goberno que confíe nos nosos sectores produtivos para xerar emprego, un goberno con capacidade plena para xestionar os nosos impostos e destinalos a blindar os servizos públicos. O 25S temos a oportunidade de ter un goberno coa dignidade e a coraxe para dicirlle non a Madrid e a Bruxelas cando colocan por diante o cumprimento do déficit ao benestar dos galegos e das galegas”, alegou.

Cartel a modo de mosaico

O BNG “vai ser fundamental para a conformación dese goberno disposto a exercer o poder político dunha nación para darlle un futuro mellor para todos e todas. E, estou certa que os galegos e as galegas imos aproveitar esa oportunidade”, concluíu.

Na apertura de campaña na Coruña, a candidatura nacionalista optou por substituír a tradicional pegada pola composición do cartel electoral a través dun mosaico de militantes e simpatizantes que daban forma ao lema de campaña, Construír Galiza con ilusión, Galiza contigo, coa candidata á Presidencia como protagonista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG