Ana Pontón á mocidade: “Se non vos ocupades da política, ela ocuparase de vós”

FullSizeRender

Madriña da promoción de Ciencias Políticas 2017 da USC, pídelle os e as novas politólogas que aporten análises para mellorar Galiza desde a rebeldía e o inconformismo

Ironiza lembrando que ela mesma evitara ese acto académico na súa graduación: “Como di a canción dos Suaves, el destino se burla de mi

A portavoz nacional, Ana Pontón, actuou como madriña da Promoción de Ciencias Políticas 2017 da Universidade de Santiago convidada polos graduados e graduadas nun acto presidido polo decano, Ramón Bouzas, ao que tamén asistiron profesores e profesoras desta Facultade, da que ela mesma foi alumna.

Na súa intervención ante os e as novas licenciadas, a dirixente do Bloque fixo un chamamento á xente moza para que participe e se implique na vida pública, desde o inconformismo e a rebeldía, “porque sabedes ben que se vós non vos ocupades da política, a política ocuparase de vós” e, lembrou citando a Aristóteles, “todos e todas somos animais políticos”.

Pontón instou a esta nova promoción de politólogos e politólogas a “confiar en si mesma”, convencida de que as súas reflexións e análises serán “de gran utilidade para entender e mellorar Galiza”. “Sei que todos e todas vós contribuiredes a dignificar a política e pídovos que usedes toda a vosa rebeldía e inconformismo porque precisamos que a xente máis nova se involucre e participe”.

A portavoz nacional rexeitou a crítica de que á xente moza non lle interesa a política. “Nunca estiven de acordo con iso e vós sodes o exemplo de que non é así. Ao contrario, vexo como cada vez á xente nova se interesa máis pola política, unha magnífica noticia para todas as persoas que entendemos a política como o mellor instrumento que ten o pobo para poder cambiar as cousas en aras do ben común”.

Pontón, como ex alumna da Facultade de Ciencias Políticas da USC, salpicou a súa intervención de lembranzas e anécdotas persoais, e ironizou sobre o feito de que ela evitara asistir ao acto da súa graduación e, polas reviravoltas da a vida, acabara amadriñando a unha promoción.

“O feito de que eu estea aquí esta tarde con vós dálle a razón ao mítico grupo de rock ourensán, Los Suaves cando proclamaban aquelo de que El destino se burla de ti nunha das súas máis coñecidas cancións. É importante non perder o sentido do humor, e estar dispostos a rirnos de nós mesmas, encantada desta burla do destino, ou si preferides deste axuste de contas comigo mesma”, dixo, tras expresar o seu agradecemento por ter sido convidada.

Piscina sen auga

“É unha honra para min estar aquí compartindo este momento tan importante para vós” xa que aínda lembra a sensación que tivera ao concluír a licenciatura, “unha mistura de emoción por pechar unha etapa e inquedanza polo que traería o futuro, tiña a sensación de tirarme a unha piscina que non tiña auga”, confesou.

Pontón concluíu instando aos graduados e graduadas a fuxir de calquera desánimo mesmo nun momento no que a corrupción “nos escandaliza”, ante a insensibilidade que supón apostar polo rescate da banca antes que por rescatar ás persoas ou nun momento en que as políticas do Goberno recortan dereitos e liberdades.

“É un momento no que como galegos e galegas temos o reto de buscar un novo horizonte para o país e estou plenamente convencida de que poñer a Galiza no centro do debate é máis necesario que nunca para abrir un horizonte de esperanza, un futuro mellor”, porque concluíu, “nunca Galiza estivo tan desaparecida da axenda política e, se queremos avanzar, temos que confiar nas nosas propias posibilidades”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG