Ana Pontón e Mini Rivas apoian as demandas das veciñas de veciños de Touro en contra da mina

Ana Pontón e Mini con veciñ@s de Touro
Ana Pontón e Mini con veciñ@s de Touro

“Estamos ante un novo Corcoesto”, salientou a portavoz nacional, quen anunciou unha batería de propostas no Parlamento para evitar a depredación de miles de hectáreas agrarias e forestais

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o deputado pola Coruña e portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, mantiveron un encontro cun nutrido grupo de veciños e veciñas afectados pola posible reapertura da mina de Touro, -que tamén colle parte do concello do Pino-, aos que trasladaron o total apoio do BNG en contra deste proxecto de “minería depredadora a ceo aberto”, que se levaría por diante miles de hectáreas de terras agrarias e forestais.

“Estamos ante un novo Corcoesto”, sintetizou Pontón, quen avanzou a presentación dunha segunda batería de iniciativas parlamentarias para frear un proxecto “que é un exemplo de libro de espolio neocolonial dos recursos minerais do país, no que unha multinacional se queda ca riqueza e a cambio deixa contaminación, destrución do territorio e do medio de vida das centos de persoas e dos concellos afectados”.

De feito, Pontón e Rivas coincidiron coa veciñanza no risco que supón, mesmo para a seguridade das persoas, un proxecto mineiro que inclúe a construción dunha balsa de 126 hectáreas cun muro de contención de 81 metros de alto e 2,5 quilómetros de largo, nunha zona limítrofe con vivendas e nun espazo que hoxe ocupan terras de agrarias e de pastoreo.

A concesionaria, -participada pola multinacional Atalaya Mining e por Explotaciones Gallegas S.L-, pretende a explotación mineira dunha superficie de 689 hectáreas, o 70% terras agrarias e forestais, a maioría con concentración parcelaria, o que supón un custe económico engadido.

Neste sentido, o Bloque comprometeu todo o seu apoio aos veciños e veciñas, e vai trasladar ao Parlamento a moción que a formación nacionalista xa presentou no Concello de Touro sobre este asunto, acadando o apoio da corporación en contra do proxecto mineiro. Ademais, o BNG presentou iniciativas parlamentarias en relación á degradación medio ambiental da zona, a contaminación dos ríos Pucheiras e Brandelos, ambos afluentes do Ulla, o que suporía unha contaminación no só destes tres ríos senón mesmo da Ría de Arousa, coa afectación para a pesca e o marisqueo que suporía.

Igualmente, o BNG interpelará ao Goberno da Xunta na Cámara polos posibles efectos contaminantes dos tecnosoles, material utilizado para a rehabilitación dos terreos de explotación da primeira mina a mans de Rio Tinto ata 1986.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG