Xerais 2019

Ana Pontón e Maite Ferreiro presentan as propostas do BNG para defender no Congreso un tren do século XXI para Lugo

Propostas para Lugo
Propostas para Lugo

Conexión directa con Santiago, modernización da liña con Coruña e do FEVE, principais medidas para acabar coa discriminación ferroviaria da provincia

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata ao Congreso por Lugo, Maite Ferreiro, elixiron a estación de tren da cidade da muralla para presentar as propostas do BNG para defender no Congreso un servizo ferroviario do século XXI que acabe coa discriminación que soporta a veciñanza desta provincia.

Para empezar, Lugo é a única cidade do país que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo A Coruña. Electrificando e modernizando a liña e os trens da actual vía Lugo-Curtis e enlazando coa liña do eixo atlántico a través de Ordes sería posible facer a viaxe entre Lugo-A Coruña en 45/50 minutos.

Apelando ás conclusións dos expertos en materia ferroviaria nunha recente xornada celebrada en Lugo, Ferreiro sinalou que se trata “dunha obra pequena que se pode levar a cabo coa colaboración das distintas administracións e que lle axudaría a ter unha xornada laboral máis axeitada a todas as persoas que viven en Lugo e se teñen que desprazar a Compostela, acurtando tempo e ganando en calidade”.

“Compensaría porque por estrada non temos alternativa por autovía ademais de ter en conta que para ás persoas que teñan que facer esta viaxe a diario o tren é unha opción moito máis cómoda”, recalcou.  “A decisión do punto de unión entre Curtis e Ordes sería cuestión dos técnicos”, explicou Ferreiro, quen tamén ven necesaria unha conexión directa entre Lugo e A María vía FEVE: “Achegaría os dous territorios da provincia”, subliñou.

Pontón resaltou que estas propostas “son un compromiso do BNG coa veciñanza de Lugo a defender no Congreso despois do 28 de abril” para acabar coa “odisea” que representa hoxe pretender chegar por tren desde Lugo a Santiago. “É máis rápido chegar desde París a Londres que desde Lugo a Santiago, o que evidencia até que punto falta unha visión galega de como vertebrar o territorio por tren e, de feito, os trens que pasan por esta provincia están pensados sobre todo para ir a Madrid”.

A líder nacionalista salientou que o BNG traballará desde a Cámara baixa para conseguir que Lugo teña un ferrocarril “propio do século XXI, moderno e competitivo”, recalcou tras ironizar sobre a necesidade de colocar a esta provincia no mapa.

“Lugo existe, parece que debemos facer unha campaña nesa dirección porque aquí nin chega o tren, nin as autovías nin investimentos para a modernización do tecido produtivo. Hai que lanzar un SOS ante a situación na que está a provincia que non é por falta de capacidade senón polo abandono de todas as administracións tanto a Xunta como o Goberno do Estado”, denunciou.

En materia ferroviaria Pontón destacou a seriedade das propostas do BNG fronte a saídas de ton doutras forzas que se quedan en nada. “Non imos caer na bravuconada de Feixóo que fai dez anos dixo que ía pagar do seu peto o AVE a Lugo, nós presentamos propostas sensatas que desde un uso racional dos recursos públicos nos permitan ter un tren moderno para Lugo”, resaltou.

Ademais da alternativa para conectar á cidade da muralla coa capital de Galiza, o Bloque tamén defende a electrificación e modernización do FEVE, que considera unha opción estratéxica tanto para o transporte de viaxeiros como de mercadorías. Modernización e electrificación que tamén reclama para a actual liña entre Lugo e A Coruña. “Temos dereito a poder garantir unhas infraestruturas ferroviarias de calidade para o esta provincia e para o país sen deseños centralistas que nos prexudican, porque lonxe de traer cohesión e igualdade supuxo discriminación para Galiza”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG