Ana Pontón: ”Máis Galiza e menos Madrid, ese é o cambio que o país necesita”

Coloca ao BNG como a única forza “libre” para “facer valer” os intereses do país, fronte os partidos estatais “atados”  ás cúpulas madrileñas

Ve na eventual repetición electoral unha “oportunidade” para acabar coa discriminación deste país, ausente da axenda do Estado

300 cargos participan no acto de arranque de curso político en Carballo, baixo o lema Facer valer Galiza

O BNG congregou a 300 cargos políticos baixo o lema Facer valer Galiza no acto de arranque de curso en Carballo, concello que a portavoz nacional, Ana Pontón, puxo como exemplo do “proxecto transformador” que a formación nacionalista ten para este país. “Queremos construír unha Galiza moderna, xusta e igualitaria, con futuro, na que a xente moza non teña que coller a maletas, con emprego decente, pensións dignas, un país de oportunidades no que vivir e traballar”, subliñou a líder do Bloque.

Para facelo posible, “hai que mudar o centro de gravidade: menos Madrid e máis Galiza”,  proclamou, tras denunciar que o único que chega da capital do Estado  “é frivolidade, loita de egos, un centralismo que só trae máis desigualdade, que funciona como unha gran aspiradora do noso futuro, do noso talento, dos nosos recursos e do noso autogoberno. Iso ten que cambiar”.

Acto Carballo E para darlle a volta a esa recentralización “temos que facernos valer, defender o noso e poñer en marcha o cambio que o país necesita, plantar cara a ese bipartidismo-harmónico PP-PSOE, ao que agora se suma Podemos, que ten un nexo de unión: cando se trata de defender os intereses deste país, nin están nin se lles espera”, criticou.

Tampouco xogou ese papel un Feixóo “que pasou de recadeiro de Raxoi a recadeiro de Casado”, en lugar de “demostrar que manda no PP galego dicíndolle os seus deputad@s que vinculen o apoio a Sánchez a cambio de desbloquear os 700M€, dunha tarifa eléctrica galega, dunha solución para as empresas electrointensivas ou da transferencia da AP-9”.

Para facer valer Galiza, a ferramenta é o BNG, -recalcou-, “a única organización libre que pode levar adiante un cambio real en Galiza fronte aos que están atados de pés e mans as súas direccións madrileñas”, argumentou Pontón, como quedou demostrado unha vez máis estes meses de negociación para conformar goberno: “todos as deputadas e deputados galegos, da primeira ao último, calados e caladas reducindo Galiza á insignificancia”.

BNG, quilómetro cero

Botando man dun símil, a líder nacionalista argumentou que o BNG “é o quilómetro cero Galiza, igual que os produtos da terra, porque o noso centro de decisión está aquí mentres, PP, PSOE e Podemos teñen o seu centro de decisión a 600 quilómetros. Por iso, o BNG é quilómetro cero e as forzas estatais son o quilómetro 600”, argumentou.

Ante os cargos nacionalistas, Pontón fixo fincapé nos retos que esperan nos vindeiros meses nun ano no que se celebrarán eleccións galegas sen descartar unha posible repetición dos comicios estatais, “tras o triste teatrillo no que está convertida a política madrileña”. Neste sentido, indicou que “se a guerra de tronos Sáchez- Iglesias” acaba nas urnas, sería unha oportunidade para recuperar voz propia no Estado da man do BNG, “para facernos valer como país e volver colocar a Galiza na axenda do Estado”.

Acto CarballoProxecto propio desde unha forza á alza

De cara aos comicios galegos, a líder nacionalista considera que o Bloque vai “na boa dirección”, cunha organización “renovada, sólida e unida” que demostrou a súa tendencia á alza nas tres últimas citar coas urnas.

“Galiza necesita máis que nunca ao BNG e estamos en disposición de ofrecer unha alternativa sólida e un proxecto desde nós e para nós, porque somos a única forza con proxecto propio, pensado para que o País avance, se modernice e se poña a producir, fronte ao fracaso do PP e de Feixóo”, argumentou.

Un proxecto para lograr unha Galiza con capacidade de decisión, que aposte pola innovación, emprego de calidade, que se preocupa por recuperar á mocidade emigrada. Un país que coida o territorio e enfronta o desafío do cambio climático, que emprega a súa riqueza para ganar en calidade de vida e benestar, feminista, que mira o mundo pero non renuncia ao idioma propio. 

“Unha Galiza que non quere pedir permiso a Madrid. Esa é a Galiza que queremos  construír”, concluíu Pontón, a que precedeu na palabra o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como intervencións representantes de colectivos sociais, culturais, ambientais e da economía da comarca.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG