Ana Pontón leva ao último pleno o balance político de Feijóo: “merece un suspenso como unha catedral”

ANAPONTON E OLLARODIL XUNTAPORTAVOCES 2
Ana Pontón e Olalla Rodil na Xunta de Portavoces

Ventres de alugueiro e identidade de xénero, temas que o BNG prioriza no último debate plenario ordinario deste período de sesións

A debate o Plan de transporte público, peche de colexios e a inclusión da estafa bancaria do Pastor na Comisión de investigación das caixas

O BNG quere aproveitar o último pleno ordinario deste período de sesións para pedir contas ao presidente da Xunta a través da sesión de control na que a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntará polo balance político deste semestre. “Pregutarémoslle a Feijóo se pensa que ten gañadas as vacacións, porque a consideración do Bloque é que merece un suspenso como unha catedral”.

Seguindo coa metáfora das cualificacións, Pontón considera que a materia na que o xefe do Executivo presenta o peor resultado é na defensa dos intereses de Galiza fronte ao Estado, “merece un moi deficiente”, -indicou- “porque vemos día a día os agravios que sofre o noso país coa súa complicidade”.

Neste sentido, a dirixente nacionalista criticou ao Feijóo “cómplice cun modelo de financiamento inxusto, cómplice cos retrasos do AVE, cómplice co veto a ter unha tarifa eléctrica galega ou cómplice co novo veto á transferencia da AP como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes e cunha xestión neglixente”.

“Alguén ten que explicar por que Euskadi e Catalunya teñen transferidas dende hai décadas autoestradas similares e para Galiza é misión imposible”, subliñou, tras  deixar claro que a reclamación unánime do Parlamento non é unha cuestión técnica senón política. “A transferencia non depende de ningún informe de ningún letrado, senón de que      Feijóo se plante, colla o teléfono e lle diga a súa compañeira de partido e deputada por Galiza, Ana Pastor, que non acepta este trato de agravio”.

Entre os asuntos que o Bloque destacará no vindeiro pleno figura unha proposición non de lei en relación aos ventres de alugueiro, tendo en conta que é un debate social “sobre o que o Parlamento galego non pode estar pechado” e a expensas unicamente do que se decida no Congreso. Neste sentido, a posición do BNG é claramente en contra ao entender que se conculcan dereitos das mulleres.

Non somos incubadoras

“Estamos en contra da mercantilización dos nosos corpos, as mulleres non somos incubadoras e hai moitos intereses en xogo que se queren enmascarar detrás dun suposto altruísmo”, alegou, “pero nunca veremos unha muller economicamente de clase alta prestando o seu ventre para que outra muller sexa nai”.

Igualmente, o Bloque confía en pechar este período de sesións coa toma en consideración da iniciativa lexislativa sobre identidade de xénero impulsada por diferentes colectivos LGTBI, “para avanzar cara unha sociedade sen discriminación algunha por razón de identidade sexual”.

19M€ Volatilizados

O conflito derivado do proxecto de transporte público da Xunta tamén será obxecto de debate en pleno a través dunha iniciativa nacionalista, ante unha proposta “tan mala que ten concitado a oposición tanto de traballadores e traballadoras como das empresas”. O proxecto do Goberno galego “non resolve os problemas de mobilidade da cidadanía, en particular no medio rural”, lamentou Pontón, quen advertiu que o plan da Xunta “entrega o sector do transporte ás multinacionais”.

Outros temas que serán discutidos son o peche de centros escolares e a redución de profesorado, ademais da ampliación do obxecto de investigación da Comisión parlamentaria das caixas de aforro para incluír a estafa bancaria do Pastor, tanto ao país como aos 60.000 accionistas que quedaron sen nada.

Igualmente, o BNG preguntará onde foron a parar 19 millóns de euros anunciados pola vicepresidenta Soraya Sanz de Santamaría na visita propagandística a Santiago, xusto en vésperas de coñecerse o recortazo de 442 millóns de euros dos orzamentos do Estado con Galiza. “Anunciou 247 e agora a Xunta trae ao Parlamento unha proposta de gasto para 228, que foi dos 19 millóns restantes?”, interpela Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG