Ana Pontón: “A Lei de Saúde é un novo paso do PP para seguir con máis recortes na sanidade pública galega”

Ana Pontón
Ana Pontón

Denuncia a política privatizadora do Partido popular que fai da saúde “un negocio” para utilizar  “portas xiratorias”

Anuncia a creación dun grande fronte social para loitar contra a axenda de recortes e privatización  

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón denuncia o  “ novo recorte” nos servizos sanitarios galegos que se esconde detrás da   reforma aprobada hoxe no Consello da Xunta  que "actualiza" a lei galega de saúde  do 2008.

Para a nacionalista,  esta “contrarreforma”  provocará máis deterioro na sanidade porque “consolida a liña de recortes, prioriza o criterio económico e afecta negativamente á calidade asistencial”. A nova lei,  é  “un paso adiante do Partido popular para seguir recortando no servizo público sanitario”.

Pontón cualifica de acto de “soberbia e  desprezo á opinión dos cidadáns”  o modo autoritario que o PP con Núñez Feijóo á cabeza confunde  a maioría absoluta con actuar como un “goberno despótico” que despreza as demandas dos cidadáns nas rúas rexeitando a  reforma da lei de Saúde.

A portavoz nacional e do grupo parlamentar  advirte ao Partido popular que terá “enfronte ao BNG” ante este novo recorte que suprime catro áreas sanitarias e  rebaixará as prestacións sanitarias nos hospitais comarcais. O modelo do PP, “é un modelo falido” nun país cunha grande dispersión poboacional como Galiza.

Pontón anuncia un “intenso traballo político” coas organización sindicais e a plataforma S.O.S Sanidade Pública para defender o dereito á saúde e poñer en marcha “un grande fronte social” contra os continuos recortes do Partido popular  e a  súa  política de “impostos á  enfermidade”.

O PP E AS PORTAS XIRATORIAS

Para a portavoz nacional do BNG, o Partido popular quere facer “un negocio” coa saúde das persoas e recentralizar servizos  que logo utiliza como “portas xiratorias” como aconteceu recentemente, dixo coa ex-conselleira de sanidade.

O BNG non vai permitir que o PP siga na senda dos recortes  e a defensa da sanidade pública galega  será “o noso cabalo de batalla” contra a política privatizadora do Partido popular. O BNG pedirá no Parlamento a retirada  da nova lei de Saúde.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG