Parlamento Galego

Ana Pontón insta a Feixóo a iniciar xa a negociación dun acordo de país dada a situación crítica para miles de familias

Encontro BNG e CIG
Encontro BNG e CIG

O BNG rexistra xa a petición no Parlamento dunha comisión para a reactivación económica e social de Galiza

Demanda a supresión definitiva da Lei Montoro para que os concellos galegos poidan usar os 900 M€ de remanente a combater a crise da COVID19

Propostas do BNG: novo modelo de financiamento, tarifa eléctrica, plan de reindustrialización, aposta pola I+D+i e defensa de Galiza ante o Estado

O tempo pasa sen que a oferta de diálogo do presidente da Xunta tivera até agora máis efecto que ser titular de prensa da sesión de investidura pero, advirte a portavoz nacional, Ana Pontón, hai que actuar sen demora porque a situación é crítica para miles de familias e por iso reclama de Feixóo que concrete xa a súa intención de negociación dun acordo a favor de Galiza.

“Estamos nun momento moi complexo que require respostas pensadas desde aquí e rectificar as políticas que están lastrando o futuro da xente,- subliñou-, e quen queira traballar para fraguar acordos útiles para defender este país e os dereitos de galegos e galegas terá sempre a man tendida do BNG”.

Neste sentido, lamenta que aínda non haxa ningún paso adiante por parte do Goberno do PP. “Que demostre que o diálogo anunciado por Feixóo non se quede nun titular de prensa porque non se pode gobernar Galiza a base de titulares cando hai miles de familias que o están pasando moi mal e outras moitas preocupadas polo seu futuro porque as perspectiva económicas non son alentadoras”, alega Pontón.

Paulo Carril e Ana PontónPor todo isto,  “imos ter a man tendida para conseguir acordos que sexan beneficiosos e iso esixe mudar as vellas receitas fracasadas e que o PP veñan ao Parlamento coa vontade de facelo porque con máis do mesmo non imos poder saír adiante”, salientou  tras o encontro cunha delegación da CIG,  encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, para analizar a situación de crise derivada da pandemia, no que tamén participou o deputado Nestor Rego.

Tras o encontro, a líder nacionalista deixou claro que non se poden repetir os erros da crise financeira de 2008 aplicando recortes de dereitos aínda en vigor e, neste sentido, demandou a derrogación das contrarreformas laborais e de Lei mordaza. “Non imos saír con novos recortes, nin aplicando fórmulas fracasadas, -alegou-, insistindo en poñer un marcha un novo modelo económico “verde, baseado na innovación e que poña Galiza a producir”.

Entre as propostas concretas: un novo modelo de financiamento, pois o actual está “caducado” desde 2014, que se traduza nun concerto económico que lle permita a Galiza xestionar o 100% dos seus recursos, así como converter o IGAPE nun auténtico instituto de crédito como paso previo a unha banca pública galega. En materia de financiamento, e no inmediato, derrogación da Lei Montoro de xeito definitivo para que os concellos poidan usar os seus aforros en beneficio da veciñanza, “900 M€ para abordar as emerxencias derivadas da pandemia fronte a proposta recentralizadora do goberno do Estado PSOE-Podemos”, indicou.

Xestión pública recursos enerxéticos

Igualmente, é clave mudar o modelo enerxético e contar cunha tarifa eléctrica galega que abarate o prezo da electricidade para familias e empresas, e que o desenvolvemento de enerxías limpas se faga desde o público empezando por recuperar a xestión das centrais hidroeléctricas a medida que expire a concesión en vigor.

Un piar do novo modelo económico é a investigación e a innovación. Como mínimo, duplicar os fondos para I+D+i na lexislatura até acadar o 2,5% do PIB e poñer en marcha o INNOGAL para captar e reter talento neste ámbito.

Entre as propostas que deberían formar parte dun acordo de país, o BNG inclúe un  Plan de galego de reindustrialización dos sectores estratéxicos, unha lei que combata as deslocalizacións e unha estratexia para crear unha rede de pequenas e medianas empresas e pechar os ciclos produtivos no país. Por último a defensa de Galiza ante o Estado e a UE onde se van tomar moitas decisións que afectan directamente ao país.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG