Ana Pontón insta ao PP de Ourense a apoiar a iniciativa do BNG para manter o paridoiro de Verín

Ana Pontón no Hospital de Verín
Ana Pontón no Hospital de Verín
Encontro coas persoas pechadas no hospital comarcal: “tende a seguridade de que non imos parar até que Feixóo rectifique os recortes”
Ana Pontón insta ao PP de Ourense a apoiar a iniciativa do BNG para manter o paridoiro de Verín

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coas persoas pechadas no Hospital comarcal de Verín para trasladar todo o apoio do BNG ás demandas de reabrir o paridoiro e as urxencias pediátricas hospitalarias.

“É unha decisión política que priva de servizos sanitarios básicos ás mulleres e aos nenos e as nenas de Verín e comarca, e desde aquí queremos á transmitir todo o noso apoio á veciñanza desta comarca, que teña a seguridade de que non imos parar até frear está decisión arbitraria que é un despropósito”, salientou nun encontro no que tamén participou a deputada por Ourense, Noa Presas, e o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo.

Pontón avanzou que, como xa fixo neste último pleno, o Bloque volverá levar o asunto ao Parlamento en forma de proposición non de lei para reclamar a restitución dos servizos suprimidos e, neste sentido, demanda do presidente do PP en Ourense, José Manuel Baltar, que se realmente discrepa dos recortes decididos por Feixóo, pida aos deputados e deputadas da provincia que sumen os seus votos á iniciativa nacionalista.

“Parécemos ben que haxa voces críticas no PP que estean dicindo que o paridoiro non pode pechar e que a Xunta ten que dar marcha atrás, pero tamén pensamos que o PP de Ourense ten que ter coherencia e, polo tanto, o que lle pedimos a Baltar, como presidente provincial, é que lle reclame aos deputados e deputadas electas por Ourense que no pleno voten a favor da iniciativa do BNG pedindo que se manteñan os servizos de paridoiro e pediatría dando marcha atrás aos recortes”, alegou Pontón.

Hospital de VerínA dirixente nacionalista salientou que esa é a maneira “en que se pode conseguir unha maioría no Parlamento a favor do que están reclamando os veciños e as veciñas de Verín e comarca, porque estamos falando dos dereitos das mulleres e da saúde dos nenos e das nenas e non imos permitir que o PP poña en risco, a base de recortes, o máis importante que temos: a saúde”.

Neste sentido, tamén fixo un chamamento a Feixóo “para que reflexione”, porque non pode dun día para outro e sen xustificación real recortar servizos sanitarios no rural e, como evidenciou na súa resposta á portavoz nacional na sesión de control, sen máis argumento que o de “esconderse” detrás dos profesionais “para non dar a cara ante unha decisión da que el é o máximo responsable como presidente da Xunta”.

Pontón salientou que a saúde é un dereito pero “levamos demasiado tempo vendo como o PP xoga con ese dereito a base de recortes”, e o que está pasando no Hospital de Verín e un paso máis nesa política de desmantelar o público, de recortes nos hospitais comarcais. “Vimos como os recortes matan e quero lembrar eses dramáticos casos da Estrada e de Dozón que non queremos que se repitan. Ten que rectificar”, concluíu.

O BNG salienta que o propio xefe de xinecoloxía do Hospital de Verín destacou a eficacia do servizo de paridoiro, cuns resultados excelentes en termos de saúde para ás mulleres ao longo dos anos con 3.000 partos atendidos. A formación nacionalista destaca tamén que, fai apenas uns meses, o SERGAS fixo unha convocatoria pública para cubrir dúas prazas de pediatría nese centro, que quedaron desertas, deixando ao descuberto as consecuencias da precarización do traballo na sanidade pública que practica o Goberno de Feixóo.