Galegas 2016

Ana Pontón: “As industrias como Inditex e Citroën deben tributar en Galiza”

Acto en Citroën
Acto en Citroën
  • A candidata do BNG  á Presidencia da Xunta, Ana Pontón  participou  hoxe en Vigo nun reparto electoral fronte ás instalación da factoría Citroën onde afirmou  que  resulta imprescindible “frear os procesos de  delocalización de empresas” para apoiar os sectores estratéxicos da industria galega

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón afirmou hoxe, no transcurso dun reparto electoral nas inmediacións da factoría  Citroën, que “as industrias que producen en Galiza, como Inditex e Citroën, deben tributar en Galiza”.

Nós, explicou  a candidata nacionalista, “queremos unha facenda galega para que empresas como Inditex ou Citroën tributen no noso país e utilicemos eses recursos para redistribuílos e seren útiles para blindar servizos públicos, crear emprego e mellorar as condicións de vida das galegas e galegos”.

Fronte ás instalacións de Citroën, Ana Pontón apostou polo apoio a sectores estratéxicos da nosa industria así como  “frear os procesos de deslocalización de empresas”. A automoción, é un sector “prioritario e estratéxico para Galiza” pero  nos últimos tempos, recalcou comprobamos que se está a producir unha deslocalización de empresas cara o norte de Portugal e  sen tecido industrial non “podemos producir riqueza e futuro no noso país”.

Nun dos corazóns industriais como é Vigo, a produción industrial galega saíu moi tocada da  crise e o balanzo de Núñez Feijóo nestes oito anos, dixo Pontón, pode verse retratado neses 30.000 empregos perdidos no sector industrial polo que candidata do BNG  apelou a un cambio  político o 25 de setembro  para “darlle a volta a esta situación”.

No acto tras o reparto electoral, Pontón rexeitou unha  reforma laboral que arrebatou  conquistas aos traballadores e traballadoras durante anos e nós, remarcou, “queremos deixar atrás a Galiza precaria e apostar pola Galiza que crea emprego e traballo digno”. O modelo de precariedade é insostible e xera desigualdade e pobreza no noso país. Neste sentido, anunciou que o BNG defende “que todas as persoas menores de 25 anos reciban unha oferta de emprego, formación continúa ou prácticas nos primeiros catro meses tras quedar no desemprego”.

A Xunta debe rescindir os contratos coas empresas que non respecten a igualdade laboral

Ana Pontón comprometeuse a  “non financiar a precariedade” polo que a Administración pública, dixo,  debe “rescindir os contratos da Xunta coas empresas que non cumpran coa igualdade salarial e incluír nos pregos de contratación garantías laborais e límites a subcontratacións e empresas de traballo temporal”.

Finalmente, a candidata do BNG acusou a Feijóo de ser “cómplice das políticas de precariedade” impulsadas pola reforma laboral.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG