Ana Pontón: “Impulsar oficios tradicionais como a ourivaría significará máis emprego, identidade e futuro para Galiza”

Visita Ourives
Visita Ourives

Sanmartín avanzou que se ten a responsabilidade de liderar o Concello tras o 28M dará apoio e difusión ao sector da ourivaría desde o goberno local

Traslada todo o apoio do BNG a un sector estratéxico para Compostela, para o que reclamou máis implicación das administracións públicas

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu esta mañá a un encontro coa asociación Ourives de Compostela para coñecer de primeira man este sector artesanal, xuntanza á que tamén asistiu a portavoz municipal en Santiago e candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín.

Despois da reunión e a visita ás instalacións do taller Fink Orfebres, Pontón destacou o traballo dun sector como a ourivaría en Galiza e amosou o “respaldo do BNG a un sector con tanta tradición, tanto presente e tanto futuro”. De feito, indicou, os prateiros e acibecheiros foron, no momento da fundación de Santiago de Compostela, gremios clave da cidade. Ámbalas dúas disciplinas constitúen os oficios máis antigos e singulares de Compostela e a calidade e peculiaridade da súa arte son indiscutibles a nivel universal.

Visita Ourives
Visita Ourives

A líder do Bloque destacou a importancia de que desde o sector se teña posto en marcha

un plan estratéxico para impulsar a súa visibilización e dinamización, como a posta en marcha dun museo vivo na cidade. A líder do Bloque amosou a súa intención de dar apoio a este tipo de iniciativas porque facelo “significará máis actividade económica, máis emprego, manter viva a identidade de Santiago de Compostela e ter un País con futuro”.

Pontón destacou tamén que este “é un exemplo de tradición que apostou polos deseño, por abrirse a novos mercados e merece un maior recoñecemento e apoio por parte das administracións. Galiza ten potencial e capacidade e Ourives de Compostela é un exemplo”, afirmou.

Respaldo aos oficios e obradoiros tradicionais

“Realmente non se explica que unha cidade coma esta, virada para o turismo, vexa como pechan os seus obradoiros tradicionais, que serían produto de atracción para visitantes. Non é explicable que unha rúa como a Acibecheira, que leva o nome polo gremio que traballaba o acibeche, non teña desde este 2023 ningún obradoiro dedicado a ese oficio” apuntou Goretti Sanmartín, engadindo que “desde o BNG considérase necesario apoiar de forma decidida o labor de Ourives de Compostela porque significa promover, protexer e valorar oficios que forman parte da historia do noso concello”. “É unha tradición que identifica o noso concello cunha marca de calidade, cun produto dunha beleza inmensa que pode ser a mellor carta de presentación”, recalcou.

Ao abeiro dunha iniciativa do BNG, impartirase o ciclo medio e superior de Ourivaría e Pratería e o curso de especialización en Ourivería, na Escola Mestre Mateo, co fin de que prosiga a profesionalización deste oficio milenario e tradicional de Santiago de Compostela do que actualmente viven 300 profesionais, subliñou Sanmartín, que se comprometeu como candidata do BNG á alcaldía de Santiago, a que o concello se converta en “difusor e promotor do traballo da ourivaría galega” e a “activar todas as medidas para que os obradoiros e os comercios volvan á zona histórica porque forman parte desta Compostela e do seu inmenso atractivo”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG