Ana Pontón na homenaxe a Casal: “é un acto de xustiza e de memoria con quen o deu todo por Galiza”

Homenaxe a Ánxel Casal
Homenaxe a Ánxel Casal

Sanmartín: “deseñou unha Compostela moderna e pensada para a veciñanza”

O BNG de Santiago conmemora a figura de quen fora alcalde e pide honralo cunha estatua na Praza Cervantes ante a sede do antigo concello da cidade

A formación nacionalista reclama unha lei de memoria democrática en aras da xustiza e da reparación de todas as persoas represaliadas pola ditadura

Con motivo do 126 aniversario do seu nacemento, o BNG de Santiago rendeu homenaxe a Anxel Casal, quen fora alcalde da cidade, impulsor do Estatuto do 36 e un dos principais promotores da lingua galega en todas as disciplinas a través da editorial Nós.

“É un acto de xustiza e de memoria por unha persoa que o deu todo por Galiza”, destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, dun “traballador incansábel que fixo todo o que puido e máis por conseguir o Estatuto do 36”, ao lado doutras destacadas personalidades dunha xeración comprometida co País, indicou, citando a Camilo Díaz Valiño e a María Miramontes, recoñecendo nela o “invisibilizado”  papel das mulleres.

De Casal destacou a súa faceta política e tamén o seu papel na creación das escolas de ensino en galego con outros referentes pedagóxicos da época e o seu labor de “editor de nación” desde a imprenta da Rúa do Vilar. Simboliza, -dixo-, “o orgullo e a autoestima, a capacidade de intervir culturalmente no mundo desde Galiza, na nosa lingua, co pensamento máis vangardista, coas creacións máis orixinais”, destacou.

Unha imprenta da que saíron “os artefactos máis subversivos que poden existir, os libros,  de tal xeito que cada libro publicado en galego era aplaudido como un logro, “porque era o momento de dotarmos dunha historia nacional, dun teatro nacional, de crear a prosa galega, a literaria e a científica, de facer ensaio en galego, de facer ciencia en galego, de ter prensa, revistas e programas de radio en galego”, destacou.

“Se Feixóo e o PP leran as obras editadas por Casal nunca se atreverían a prohibir o galego para as matemáticas ou a tecnoloxía”, subliñou.

A longa noite do fascismo truncou a Galiza soñada por Anxel Casal e a súa xeración, homes e mulleres que sufriron atroces realidades a mans da ditadura que non poden quedar impunes. Por iso o BNG, destacou Pontón, reclama unha Lei de memoria democrática “que permita esclarecer a verdade do asasinato de Casal e de tantas outras persoas asasinadas e dar paso ao seu recoñecemento público”, e con ese obxectivo volverá presentar no Parlamento unha Lei de Memoria democrática en aras da xustiza e da reparación.

“A recuperación da memoria histórica forma parte do ADN do BNG, é un dos noso sinais de identidade e demostrámolo no traballo social, nas institucións e onde temos responsabilidades de goberno”, indicou a portavoz nacionalista.

“Non hai posibilidade de avanzar nun futuro con garantías democráticas firmes senón transmitimos a verdadeira historia do noso pasado. As políticas que desenvolveu o Estado español están baseadas na amnesia, no esquecemento e así non hai posibilidade de facer xustiza e de evitar que se repitan os mesmos erros”, indicou, por iso é “fundamental” crear en todas as institucións comisións de memoria histórica.

E dentro dese exercicio de memoria, xustiza e reparación, o BNG propón erixir unha estatua coa figura de Anxel Casal, “un galego de corazón que o deu todo por Galiza, pola democracia e pola liberdade”, -subliñou Pontón-, e propón como localización a Praza de Cervantes diante da sede do antigo concello.

O Santiago que Casal sementou

“Homenaxear a Casal e facelo a una Compostela respectuosa coa lingua, coa cultura, co territorio, cos sectores máis desfavorecidos, coa educación, cos valores do feminismo e do ecoloxismo, cos dereitos humanos…, ese Santiago que Casal sementou non pode estar satisfeito até que a estatua na súa honra sexa unha realidade”, concluíu Pontón.

Pola súa parte, a portavoz parlamentaria no concello de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou “a Compostela moderna e pensada para a veciñanza” que deseñou no seu exercicio como alcalde, “un proxecto de ideas para un País mellor, máis próspero e máis de seu (...), un defensor da memoria histórica e da nosa lingua”.

Sanmartín insistiu na demanda de erixir unha estatua a Casal no corazón da cidade pola que tanto fixo, e lembrou que esa proposta do BNG foi aprobada pola corporación compostelá hai dous anos sen que nada se fixera aínda. “Estamos fartas do inmobilismo do Goberno local do PSOE”, denunciou, ao tempo que reclamou ao executivo local “que cumpra cos seus compromisos”.

“Honrar e recoñecer a quen tanto traballou pola cidade e polo País é o que nos corresponde para trazar un futuro de esperanza, a que se truncou no 36, esas arelas de liberdade polas que hoxe camiñamos desde o BNG”, finalizou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG