Ana Pontón: “Hai que cambiar a política migratoria europea para impedir que miles de persoas segan morrendo no mar”

Salvaterra do Miño
Salvaterra do Miño
Lembra que Galiza tamén viviu o drama humano da emigración e apela a un “cambio de foco” da política migratoria a favor dos dereitos humanos e a solidariedade
Ana Pontón: “Hai que cambiar a política migratoria europea para impedir que miles de persoas segan morrendo no mar”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón avogou hoxe en Salvaterra de Miño por cambiar a política migratoria europea que non reacciona ante  a violación de dereitos humanos e que miles de persoas morran no mar na busca dun lugar de acollida. Pontón lembrou que na maior parte dos casos de  homes e mulleres que se ven obrigados a fuxir  de Africa, fano para fuxir das guerras.

Na celebración da  XXXIII edición da Festa da Poesía do Condado en Salvaterra de Miño,  Pontón apelou a un cambio nas  políticas regresivas da Unión europea por outras que permitan  a acollida das  persoas que foxen das guerras en Africa, conflitos bélicos, na súa maior parte,  iniciados polas grandes potencias e intereses europeos.

A portavoz nacionalista avogou por mudar o odio  por políticas de  “respecto e solidariedade” ao que sumou un  cambio do marco internacional para impedir que a  xente continúe abandonando os  seus países.

No  Festival da Poesía do Condado, este ano centrado nos dereitos dos pobos, Pontón destacou que o debate sobre a migración debe ofrecer alternativas a todas as persoas que buscan un lugar “seguro” para vivir e que se ven abocadas a abandonar os seus países, por causas políticas ou económicas.

Deixar o teu país, recalcou a nacionalista,  sempre é “un drama humano” e desgraciadamente “en Galiza coñecemos moi ben o que supón marchar a outros lugares co fin de mellorar as condicións de vida”. Os galegos e galegas que se viron obrigados a emigrar, por motivos políticos ou económicos, foron acollidos en diferentes países europeos e americanos e hoxe Europa debe demostrar esa mesma  “solidariedade” coas persoas migrantes.