Ana Pontón: "O Goberno de Feixóo non fixo os deberes a pesar de que hai moito en xogo"

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional pide a Feixóo acertar na desescalada para non  perder o grande esforzo de todos os galegos e galegas durante estas semanas

O BNG propón o reparto masivo e gratuíto de máscaras da cara, un plan de rastreo do virus con persoal sanitario específico e reforzar con 200 millóns de euros a Atención Primaria 

A horas de comezar  o proceso de desescalada, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pide a Feixóo “acertar” para non tirar pola borda  todo o esforzo dos galegos e galegas ao longo destas durísimas semanas . “Acertar no desconfinamento é vital” e non podemos arriscarnos a perdelo  todo porque  “o Goberno de Feixóo non fixo os deberes pese a que hai moito en xogo”, recalca a nacionalista.

Desde o BNG propoñemos tres medidas urxentes para unha desescalada segura: Un reparto masivo e gratuíto de máscaras da cara entre a poboación porque está demostrado que é un elemento que protexe do contaxio, un plan de rastreo do coronavirus para controlar a evolución do virus, con persoal sanitario específico. “Non se trata de sobrecargar aínda máis aos profesionais da atención primaria senón de anticiparse a posible rebrotes” e  reforzar con 200 millóns de euros a Atención primaria xa que vai ser a punta de lanza para loitar contra o virus nesta fase de desescalada.

A portavoz do BNG insiste na importancia de entrar  nunha fase na que é vital acertar para non estragar o tremendo esforzo feito  pola cidadanía ao longo destas semanas,  e para iso Feixóo ten que facer a parte do traballo que lle corresponde como presidente da Xunta porque “non é o momento de poñerse de perfil, nin de  botar balóns fóra”,  debe  aportar solucións e poñer en marcha medidas que permitan afrontar coas máximas garantías posibles esta fase de desconfinamento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG