Ana Pontón: "Galiza non pode seguir sendo a colonia enerxética de Madrid"

Ana Pontón
Ana Pontón

“Galiza non pode soportar a metade da eólica mariña prevista para todo o Estado español sen un só beneficio”, afirma

O  BNG instará no próximo pleno a que o conxunto dos representantes dos galegos e as galegas rexeiten o plan proposto polo Consello de Ministros

“Galiza duplica a taxa de enerxía renovable pretendida por Europa para o 2030. Non podemos seguir sendo a colonia enerxética de Madrid”, indicou

A portavoz nacional, Ana Pontón, manifestou a súa desaprobación ao respecto do plan aprobado polo Consello de Ministros relativo á autorización de parques eólicos mariños en Galiza. Nese sentido, indicou que “o BNG considera un ataque ao medio ambiente e á economía galega que se pretenda instalar nas nosas costas a metade da eólica mariña prevista para todo o Estado español”.

“Estamos vendo como o goberno do Estado traballa para defender os intereses das eléctricas e se coloca de costas á defensa do medio ambiente e tamén de costas a un sector vertebral para a economía galega como é o sector pesqueiro”, indicou.

Fronte a isto, o BNG rexeita por completo as pretensións do goberno do Estado e pide que non se lle poña a etiqueta de “verde” ao espolio enerxético galego, nin tampouco a unhas eléctricas que soamente se preocupan por cal é a súa conta de resultados.

Pontón declarou que o Bloque reclamará no próximo pleno do Parlamento galego que o conxunto dos representantes dos galegos e das galegas rexeiten esta proposta para apostar por un novo desenvolvemento das enerxías renovables. “Non pode ser que Galiza estea vivindo xa un bum eólico depredador en terra e que ese bum eólico pase tamén ao mar”, indicou.

Galiza como colonia enerxética de Madrid

Nun momento no que Galiza xa duplica a taxa de enerxías renovables pretendida por Europa para o ano 2023, Pontón denunciou que “non estamos vendo como se aposta polas enerxías renovables, senón como se aproveita desta situación todo o lobby eléctrico para seguir sacando tallada a costa do medio ambiente do noso país” advertindo que “este plan vai destruír emprego nun sector tan vertebrador para o noso País como é o pesqueiro”.

Galiza xa duplica a taxa de enerxía, polo tanto hai que facer unha transición enerxética e poñer outros puntos de enerxías renovables haberá outros puntos do territorio español onde facelo. Non pode ser que en Galiza se siga cargando cos costes ambientais e sociais da produción e electricidade sen un só beneficio. Este país non pode ser a colonia enerxética de Madrid.

Pontón declarou que é necesaria unha transición ecolóxica, pero avaliando tamén o seu impacto socioeconómico e buscando outros puntos de enerxías renovables dentro do territorio español porque “non pode ser que Galiza siga cargando cos costes ambientais e sociais da produción de electricidade sen un só beneficio”.

“O que se pretende é consolidar un papel de Galiza no estado que para o BNG non é lóxico nin xusto. Galiza non pode ser a colonia enerxética de Madrid”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG