XERAIS 2019 (10N)

Ana Pontón afirma na Coruña que “Galiza gaña cando o BNG está no Congreso”

Acto A Coruña
Acto A Coruña

Apela ao orgullo das galegas para acabar coa discriminación das forzas estatais e critica a pasividade de Feixóo ante a extrema dereita antigalega

Rego apela ás persoas indecisas e avanza como prioridades condonar a débeda do Porto da Coruña, mellorar as conexións por tren e o saneamento da Ría do Burgo

Ana Pontón afirma na Coruña que “Galiza gaña cando o BNG está no Congreso”

De novo co escenario do Teatro Rosalía cheo, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento na Coruña a sumar no BNG todo o voto de país, das persoas fartas dunhas forzas estatais “inútiles” na defensa de Galiza e inútiles tamén para avanzar en dereitos e liberdades.

“Hai que unir no BNG todo o voto  de país e das persoas cabreadas cun PSOE e cun Podemos que lles fallaron, porque nin defenderon Galiza, nin defenderon os dereitos sociais e aí seguen intactas a Lei mordaza ou as contrarreformas laborais. Co BNG no Congreso Galiza gaña, e perde a dereita que quere levarnos cara atrás”, proclamou.

Pontón fixo un chamamento a intensificar a mobilización neste tramo final de campaña porque “aínda que vemos día a día como medra o apoio ao BNG,  -e estou convencida de que este 10N vai producirse unha explosión de dignidade e orgullo de país-, os escanos gánanse nas urnas, non nas enquisas”.

A líder nacionalista destacou que sobran os motivos para coller a papeleta do Bloque.

Acto A Coruña“Para  acabar coa discriminación e co descarado desprezo das forzas estatais, desde o bipartidismo do PP-PSOE ao ninguneo de novo cuño de Podemos, que pactou os peores orzamentos para Galiza en vinte anos, que condonaban a débeda do porto de Valencia, pero que pasaban olimpicamente do porto da Coruña. Imos darlle a volta a este agravio o 10N”, prometeu.

O voto ao Bloque tamén é a maneira de plantarlle cara ao “facherío”, tras ver como as forzas estatais branqueaban o discurso da extrema dereita no debate electoral. “Unha extrema dereita racista, machista, xenófoba e antigalega que quere ilegalizar as institucións democráticas deste país, ilegalizar o Parlamento, a Xunta, o Estatuto, ilegalizar o noso idioma, e ilegalizar ao BNG  porque levamos no ADN a defensa de Galiza”.  

Neste sentido, reprochou a Feixóo a súa actitude morna cunha forza antidemocrática que pide demoler o autogoberno.

“Teño unha pregunta para o señorito dos Peares:  que máis ten que pasar para que condene os pactos do PP coa extrema dereita de VOX,  para que diga publicamente que condena os pactos cos que queren ilegalizar o noso autogoberno, as nosas institucións? Feixóo o gran branqueador da extrema dereita en Galiza, e logo pretende ir de moderado”, criticou.

A líder nacionalista pechou a súa intervención sumando un novo motivo para confiar no Bloque o vindeiro domingo: a defensa do sector industrial e dos miles de empregos en risco.

Acto A CoruñaVoz propia para ALCOA, R, ENDESA, Ferroatlántica, Navantia

“Votasen o que votasen o 28A, hoxe son moitos as persoas que saben que Galiza precisa no Congreso unha voz propia e libre que coloque na axenda do Estado unha solución para ALCOA, R, Ferroatlántica, ENDESA, Navantia..., para salvar o emprego industrial na Coruña que ten miles de postos de traballo en xogo para iso hai que coller a papeleta do BNG porque nós non lle imos fallar a esta cidade, a esta comarca”.

O candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, convidou ás persoas indecisas a que "aposten polo BNG porque é garantía de defensa de País e dos dereitos das galegas e galegos". Igualmente, apelou ás persoas decepcionadas pola "desidia"  das forzas españolas para que opten pola única forza “que lle dará a este país voz libre e soberana. Se Cataluña, Euskadi ou Canarias e mesmo unha rexión como Cantabria están, non vai estar unha nación como Galiza?", interpelou.

Parar a involución e perda de liberdades

Entre os obxectivos, recuperar peso político e económico e a defensa dos dereitos fundamentais, en tempos "de clara involución e perda de liberdades".

Rego destacou que foron moitas as persoas que mostraron o seu apoio á organización nacionalista tras  constatar "que a ausencia no Congreso prexudicou ao país que non tiña quen o defendese”. Como proba, os orzamentos pactados por PSOE-Podemos que destinaban a Galiza case tres veces menos que os 2.100 M€ que se consignara a representación do Bloque, sinalou.

Convencido de que  desta vai, definiu ao BNG como "a garantía de defensa do país, de políticas transformadoras e progresistas e garantía de dereitos e liberdades democráticas". En clave coruñesa, Rego avanzou como prioridades á condonación da débeda do Porto Exterior -como se fixo co de Valencia-, a mellora do transporte ferroviario con Lugo e Ferrol e a rexeneración da ría do Burgo.