GALEGAS 2020

Ana Pontón: “ O futuro dos galegos e galegas non se escribe en Madrid”

Almorzo informativo en Pontevedra
Almorzo informativo en Pontevedra

Afirma que  a palabra de Feixóo “non vale nada” e advirte que o BNG non pasará por alto ningunha das súas mentiras

Tilda de “Calimero” a Feixóo por laiarse das competencias a Euskadi tras meter a Galiza dez anos en dique seco

Ana Pontón: “ O futuro dos galegos e galegas non se escribe en Madrid”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou hoxe nun almorzo informativo, na cidade de Pontevedra, acompañada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o deputado no Congreso, Néstor Rego e o deputado, Luís Bará. No encontro coa prensa  afirmou que o “futuro dos galegos e galegas non se escribe en Madrid e o BNG é a única forza sen ataduras para defender os seus dereitos”.

Feixóo e a súa  postura insultante con Galiza

Sobre as transferencias da Seguridade Social e cárceres a Euskadi,  Pontón criticou que Feixóo sexa como a personaxe de “Calimero” queixándose porque “Euskadi avance e Galiza non”. Se non avanzamos, aseverou, é porque durante dez anos Feixóo e o PP mantiveron a Galiza en  “dique seco” e como  fiel centralista non reclamou ningunha competencia. Neste sentido,  lembrou que o debate do  traspaso da AP-9 no Congreso foi vetado polos  pontevedreses Ana Pastor e Mariano Rajoy. “A responsabilidade de que Galiza quede atrás non é de Urkullo é de Feixóo”.

As mentiras de Feixóo e VOX

A preguntas dos e das  xornalistas sobre o escenario electoral do 5A, Pontón  asegurou  que a cidadanía está farta de ver a un goberno “ inútil e incapaz” de resolver os problemas e farta  “das mentiras en campaña electoral”. Onte mesmo, explicou a líder do BNG, Feixóo afirmou que non pactaría con Vox sen embargo “é un candidato dun partido que sempre que precisou de Vox pactou con eles, a pesar de ser unha forza antigalega, machista e racista”. Si Feixóo necesita da extrema dereita pactará con eles e  anunciou que o “BNG non pasará por alto ningunha das mentiras do PP e de Feixóo”.

Pontón amosouse convencida de que a sociedade galega quere un cambio. “Existe un gran fartazgo da mala xestión política dun goberno  que pon a sanidade pública contra as cordas, que permite que emigraran 200.000 persoas e que deixa unha Galiza peor e con máis precariedade”, por iso, o 5A é necesario abrir un tempo novo que esperamos sexa liderado polo BNG.

Os debates electorais deben ser obrigatorios

Preguntada sobre a  celebración dun debate cos portavoces do resto das forzas políticas, Pontón respondeu con contundencia, “os debates teñen que ser obrigatorios e  un dereito da cidadanía para saber cales son as propostas e  ver aos líderes  contrastando alternativas”. Confirmou que o BNG participará de todos os debates  e criticou que só se celebre un na TVG. Para Pontón , este debate debería ser a dúas voltas nos medios públicos.

Sobre os conflitos na esquerda rupturista, Pontón reiterou o seu respecto  aos problemas e desavinzas  e negou  que ao BNG lle veña ben o que a outros lles vai mal. Se o BNG acada un bo resultado electoral será porque a cidadanía nos ve cun proxecto “serio, solvente e como unha forza política unida e con capacidade para representar as ganas de cambio que hai na sociedade galega” reiterou.

Rego recomenda  a Ábalos tomar exemplo de Pontevedra

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego puxo en valor as medias de urbanismo en Pontevedra e cominou ao Ministro de Fomento e Mobilidade, José Luís Ábalos a manter un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores co fin de coñecer como se conseguen cidades “máis humanas e sociais”.

Por outra parte, lembrou que a recuperación da representación do BNG no Congreso supuxo garantir a defensa dos intereses de Galiza e non hai nada “máis útil” que confiar nunha forza galega como o  BNG que con un único representante foi capaz de conseguir desbloquear a solución a algúns dos principais problemas sociais e económicos de Galiza.

Rego insistiu en que grazas ao BNG no Congreso “Galiza está no debate político do Estado” e situando nos primeiro puntos do acordo de investidura a Galiza como nación ademais da necesidade de mudar a estrutura do estado para “dar cabida aos dereitos do novo pobo” así como iniciar todas as transferencias pendentes coa convocatoria, en tres meses, da Comisión de transferencias.

Na mesma liña que Pontón, Néstor Rego reiterou que Feixóo non ten ningún interese por incrementar o autogoberno e mostrouse confiado en que a partir do 5 de abril o novo goberno galego estará presidido por Ana Pontón, unha presidenta, dixo, “ disposta a aumentar a capacidade de decisión de Galiza”.

Xa en clave local, Rego puxo en valor o compromiso do acordo de investidura para  trasladar fóra da ría de Pontevedra a factoría de ENCE recuperando os terreos de Elnosa ao que sumou o compromiso do BNG no Congreso para axilizar a circunvalación de Pontevedra, rehabilitar o edificio de Facenda para usos públicos así como a rexeneración da ría.