Parlamento Galego

Ana Pontón: "Fronte ao discurso baleiro de Feixóo, o BNG comeza ciclo político con ideas e alternativas”

“Imos ter que loitar contra o virus da posverdade como forma de entender o Goberno e contra o virus da rutina e da resignación en que está instalada a Xunta de Galiza”, afirma a portavoz parlamentar

A portavoz do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, cualificou como “discurso baleiro” a intervención de Feixoo na sesión de Investidura porque “non ofreceu alternativas de futuro” e avanzou que o BNG liderará a oposición “para construír unha Galiza mellor” e con traballo “non para confrontar co Goberno, senón coa mirada posta en axudar a poboación neste momento de crise con ideas e alternativas”.

Ana Pontón, en declaracións aos medios logo do discurso de Feixoo, manifestou que non foi un debate de Investidura máis porque se produce “nunhas circunstancias sanitarias, económicas e sociais diferentes e toda a sociedade temos que enfrontar as duras consecuencias da covid-19”, que recordou esas 643 persoas falecidas e enviou un cariño ás súas familias.

“Unha crise destas características necesita acordos de País, como dixemos no mes de marzo, e agora vemos como o presidente da Xunta colle esa luva e desde o BNG imos traballar para erguer este País dunha crise tan importante”, destacou a portavoz nacionalista.

“Estamos vivindo un tempo diferente que require medidas diferentes e onde podemos facer desta crise unha grande oportunidade para Galiza se se toman as medidas estruturais que nos permitan reorientar o país”, explicou. “O discurso de investidura de Feixoo o que nos demostra é que non está pensando na Galiza do futuro; veu cun paquete de medidas reiteradas que dan conta dos seus incumprimentos e foi incapaz de recoñecer nin un só erro na xestión desta crise”, engadiu. Ademais, perdeu a oportunidade de pedirlles desculpas aos galegos e ás galegas por aquelas cuestións nas que non actuou ben e de recoñecer os erros, que é importante para poder enfrontar o futuro e non repetir as mesmas equivocacións.

O presidente tiña que explicar por que Galiza ten a peor taxa de rastrexos do Estado español, o 80% dos casos non se localizan e existe un perigo real en moitas zonas de transmisión comunitaria; por que a Xunta non conta con protocolos claros para actuar fronte á covid-19, ou por que non se tomaron as medidas oportunas para que haxa unha volta ao colexio segura dos nenos e das nenas. Sinalou tamén que Feixoo puido reducir as ratios alumnado/profesorado por aula, puido contratar máis profesorado e puido consensuar coa comunidade educativa un protocolo e non o fixo. Destacou que a Consellaría de Educación “non actúa con claridade nin con diálogo e está máis preocupada por ver a quen pode responsabilizar da súa inacción que por garantir ese dereito á educación con garantías sanitarias”.

En palabras de Ana Pontón, Feixoo perdeu unha oportunidade de desculparse coa xente maior, “porque as cifras de falecementos nas residencias son moitas e non se poden reducir a unha media, porque case as metade das persoas que faleceron no noso país pola covid-19 foron nas residencias e, en vez de tomar nota e blindar as residencias de maiores, vemos como ese sistema falla e a Xunta non actúa con anticipación para intervilas”.

“O virus da posverdade como forma para entender o Goberno”

“Nesta sesión de Investidura vemos que non só imos ter que loitar contra o virus da covid-19, imos ter que loitar contra o virus da posverdade como forma de entender o Goberno, contra o virus da rutina e da resignación en que está instalada a Xunta de Galiza e contra o virus dun Goberno que non ten ambición de país”, explicou Ana Pontón.

“Necesitamos que as persoas teñan fortalezas e certezas, que se poden construír se se ve un Goberno forte e con ambición de país que prepara e deseña a política do futuro, mais lamentabelmente nada disto formou parte do discurso de Investidura de Feixoo que recordaba o discurso de hai catro, oito e 12 anos, coas mesmas promesas de sempre nun contexto en que máis que nunca se necesitan ideas novas, ademais de aprender dos erros destes anos e sacar leccións desta crise”, afirmou.

Deterioro da sanidade pública, sistema educativo e servizos sociais

Ana Pontón fixo mención tamén á deterioración da sanidade pública, sistema educativo e servizos sociais. As leccións que deixa esta crise é que non se pode deteriorar a sanidade pública nin o sistema educativo, que cómpre apostar por un novo modelo onde os servizos públicos estean garantidos e que Galiza ten que poñer en marcha un novo modelo económico onde camiñemos cara a unha economía verde e recuperemos capacidade de producir e aproveitar os sectores onde se pode xerar industria e valor engadido de maneira sustentábel, explicou.

“Vanse debater asuntos importantes no Estado e en Europa e non vemos unha situación de fortaleza de Galiza, mais ben vemos o entreguismo da Xunta de Galiza ao Partido Popular a nivel de Estado”, advertiu a portavoz do BNG.

“Non cremos que este sexa o momento para partidismos inútiles, nin para confrontacións estériles nin para decaer na defensa inquebrantábel dos intereses de Galiza”, afirmou Ana Pontón.

“O BNG sabe que estamos nun momento en que hai que arrimar o ombreiro, onde todas e todos temos que contribuír, e imos contribuír nesta etapa dando o mellor de nós porque temos a responsabilidade de ser a forza política que máis medrou nas últimas eleccións, onde tivemos un apoio importante e imos liderar o oposición, polo que imos traballar non para confrontar co Goberno senón coa mirada posta en como podemos axudar a poboación neste momento con ideas e alternativas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG