Ana Pontón: «As forzas nacionalistas e soberanistas somos motor de dereitos e de democracia fronte á involución e á dereitización do Estado»

Foto delegacións
Foto delegacións

Propón reforzar alianzas en defensa da democracia, da pluralidade e do dereito de autodeterminación dos pobos

“Representamos a loita contra o Darth Vader do centralismo madrileño que está do lado dos lobbys e contra da xente do común”, proclama, “dando a batalla a favor dos dereitos sociais e das liberdades”

Acto coas delegacións de máis de trinta organizacións de todo o mundo, coa presenza do presidente da Esquerra Republicana, Oriol Junqueras

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou o acto de recepción que o BNG ofreceu ás delegacións das forzas políticas de dentro e fora do Estado español, máis dunha trintena de partidos, convidadas á celebración do Día da Patria. Un acto no que a líder do Bloque destacou o papel das forzas nacionalistas e soberanistas en defensa da democracia e dos dereitos sociais, ante a deriva involucionista e a dereitización do Estado español.

“A defensa das liberdades, do dereito de autodeterminación, do pacifismo,  da igualdade das mulleres desde o feminismo, a loita contra a emerxencia climática, a defensa dos servizos públicos o coidado das persoas... Son loitas comúns co obxectivo de conseguir un mundo mellor, empezando pola realidade que temos máis próxima”, salientou.

“Temos que dicilo con claridade, hoxe somos as forzas nacionalistas e soberanistas as que damos a batalla en defensa dos dereitos sociais, das políticas de progreso, do pluralismo e, en definitiva, en defensa da democracia, representamos a loita contra o Darth Vader do centralismo madrileño que se pon do lado dos lobbys e en contra da xente do común”, proclamou, “por iso, aos que  desde o madricentrismo queren facernos unha caricatura, -incluída a esquerda estatal-, dicirlles que as forzas nacionalistas e soberanistas estamos sendo o contrapeso real á deriva involucionista e á dereitización do Estado español”.

Pero, destacou a líder do Bloque, a defensa dos dereitos sociais, dos dereitos dos pobos, a defensa da democracia é un camiño ao que non van renunciar por moito que se “empeñe” un Estado español “no que costa suor e bágoas defender dereitos como a autodeterminación dos pobos, pese a ser unha ferramenta favor das persoas”.

Neste contexto político, a portavoz nacional do BNG propuxo reforzar as alianzas entre as forzas nacionalistas e soberanistas, seguindo unha constante histórica de cooperación e acordos que vai desde Galeusca á Declaración de Llotja de Mar. “Ante esta involución acelerada, temos que reaccionar forxando unha alianza en defensa da democracia, da plurinacionalidade e do dereito á autodeterminación, crear alianzas amplas, desde o respecto ás diferentes realidades”, argumentou, tras deixar claro que ás lexítimas aspiracións dos pobos non se lle pode responder con represión.

“Estamos ante un debate político de primeira orde ao que non se pode responder desde a represión, como fai o Estado español, senón desde a política con maiúsculas para dar solucións ás lexítimas demandas dos pobos”, indicou Pontón, tras facer unha mención especial de recoñecemento ao presidente de Esquerra Republicana, Oriol Junqueras, quen a precedeu no uso da palabra. “Insisto, estamos ante un problema político que precisa unha solución política global ás lexítimas aspiracións de todas as nacións sen estado, esquivando propostas parciais e incompletas”, subliñou.

Pontón destacou que é precisamente o nacionalismo e o soberanismo das nacións sen estado son os movemento que, ao longo da última década, demostraron ser os que realmente preocupan e impugna o “caduco” réxime do 78. “Por unha razón moi fácil de entender: porque os lobbys económicos, eses que pretenden gobernar sen pasar polas urnas, necesitan do centralismo político, xudicial e financeiro para seguir engordando as súas contas de resultados a costa dos orzamentos públicos”, denunciou.

Día da Patria, Día da Matria

E puxo como exemplo o “escándalo” da factura da luz, “un exemplo de manual de como se usa o BOE para estafar ao conxunto da sociedade, porque o gran capital non ten máis patria que a dos seus beneficios multimillonarios”, advertiu a líder do Bloque.

Pontón agradeceu a presenza de todas as delegacións galegas, portugueses, saharauís, vascas, casteláns, brasilianas, canarias, cataláns, corsas, palestinas, bretoas para celebrar o Día da Patría, o Día da Matria galega. “É un orgullo contar con tantos e tan bos amigos e amigas de Galiza”, proclamou, destacando que pese ás diferencias e ás diversidade de cada quen, están conectados pola solidariedade na defensa das causas xustas.

“A solidariedade que se constrúe desde o respecto mutuo e desde a diversidade, a que se tece desde o recoñecemento de que cada nación ten os seus tempos e marca o seu propio camiño”, indicou, tras compartir coas forzas asistentes a situación actual do BNG e os seus retos de futuro.

“Tras un resultado histórico, conseguimos converternos na segunda forza política o que nos sitúa como a alternativa real de goberno, hoxe lideramos á oposición ao PP e imos traballar, con todo o talento e todo o empeño, para liderar tamén a transformación que precisa este País desde o goberno, para construír a Galiza de futuro que soñamos, porque, como proclamou Castelao: o verdadeiro heroísmo é facer realidade os soños e converter as ideas en feitos. E nese camiño está o BNG”, recalcou.

Previamente, Oriol Junqueras manifestou que “ninguén mellor que a cidadanía galega para decidir o seu propio futuro e estou seguro de o BNG presidirá o Goberno de Galiza da man de Ana Pontón e será un futuro republicano, de liberdade e de xustiza”, proclamou  nun acto presentado por Rubén Cela e Ana Miranda, como responsables da área de internacional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG