GALEGAS 2020

Ana Pontón: "O BNG fíxase como prioridade o regreso da mocidade emigrada"

Encontro virtual
Encontro virtual

O BNG propón un Plan Retorna coa posta en marcha de políticas económicas que permitan o regreso da mocidade en condicións dignas de traballo

Encontro virtual con xente moza que tivo que coller as maletas por falta de oportunidades en Galiza.

Ana Pontón: "O BNG fíxase como prioridade o regreso da mocidade emigrada"

Máis de 200.000 galegos e galegas, a maioría xente nova, colleu as maletas na última década nun país cunha grave crise demográfica ao que se suman as negativas consecuencias en termos económicos. Nun encontro virtual, a candidata á Presidencia, Ana Pontón, falou con algunhas desas persoas para coñecer a súa situación de primeira man.

“Queremos poñer o foco nun dos grandes problemas do país: que miles de persoas na última década tiveron que saír fora ante a falta de expectativas e oportunidades de traballo en Galiza”, indicou, o que supón “un problema en termos económicos pero tamén en termos sociais nun país cunha crise demográfica tan fonda”.

Urxe un cambio real porque “non podemos seguir vendo como a xente moza ten que optar entre a emigración ou a precariedade e o cinco de abril temos a ocasión de facer unha aposta por cambiar o modelo económico que expulsa fora a milleiros de persoas do país”. Para iso, subliñou, “Galiza precisa un goberno que confíe no país, que confíe non seu potencial”.

Entre as propostas do programa de goberno do BNG, a posta en marcha dun Plan Retorna para facilitar o regreso, con participación social e sectorial e con orzamento específico. “Incluiría medidas de apoio para as empresas que contraten retornados, apoio económico para fomentar o autoemprego e poñer en marcha unha estratexia que nos permita recuperar as persoas obrigadas a marchar”, explicou Pontón.

A candidata nacionalista incidiu na necesidade de mudar a política económica da man dun goberno que confíe no país, “que confíe non seu potencial e poña en marcha unha nova estratexia económica que aposte pola reindustrialización pechando ciclos produtivos desde un punto de vista sustentable”.

Nesa nova política económica o apoio a I+D+i é clave “ porque a investigación non pode seguir sendo sinónimo de precariedade”, e poñer en marcha medidas “para que os mellores cerebros que agora traballan fora se recuperen para o país”. Desde a Administración, medidas tamén para acabar coa precariedade, “por exemplo non contratar con ETTs e favorecer que a contratación pública prime ás empresas privadas con condicións laborais dignas”.

“No BNG temos un programa ambicioso co que nos presentamos o 5A  para mudar o fracaso das políticas económicas do PP, fracaso que ten nas cifras da emigración unha proba clara e queremos darlle unha oportunidade a toda esa xente que marchou”, concluíu Pontón.

 

Ana Pontón: "O BNG fíxase como prioridade o regreso da mocidade emigrada"